Propostas do PG para resolver a “marea plástica de pellets”

O MAR NON TEN MARCOS NIN CANCELAS

Proposta do Partido Galego para resolver a contaminación dos microplásticos e evitar que se sigan sucedendo outras no tempo

Calquera problema nun punto determinado da nosa costa, pode orixinar un problema ou problemas no total ou parcial, de todo litoral.

O mar de Galicia non só se refire ó espazo do litoral, comeza tamén en calquera punto terra dentro, que estea no “ciclo da auga”.

O transporte marítimo segue a ser o canle de transporte máis empregado a nivel de mercadorías mundial. Uns dos corredores máis grandes do mundo pasa a uns escasos 40 kms. no seu punto máis próximo a costa galega (no denominado Dispositivo Separación de Tráfico Marítimo de Fisterra), traendo e levando mercadorías por todo globo. Esta situación estratéxica dálle a Galicia unha potencialidade mundial nunca aproveitada, mais tamén representa uns riscos de carácter medio-ambiental que deberían ir máis alá dun sinxelo Plan de Actuacións Anti-contaminación (CAMGAL).

Circulan polo corredor marítimo do Atlántico máis de 1000 buques o día de media, dos cales o 30% son mercadorías perigosas, mais non só estas representan un potencial perigo, senón que todas representan en maior ou menor medida un perigo, ben sexa polas condicións do tempo ou por mor dos distintos factores humanos, todos os buques están sometidos a posibles desgrazas como colisións, perdidas de mercadorías, solta de augas oleosas …

O pasado dia 8 de Decembro o buque mercante Tocanao, de armador alemán, bandeira liberiana e afincado en Chipre, o que vai significar unha ardua batalla económica; perdeu parte da súa carga cando navegaba por augas portuguesas. O día 13 de decembro  atopábanse na praia de Espiñeirido en Muxía os primeiros “pellets” de resina de plástico, dende entón non deixaron de aparecer polos distintos puntos da costa Galega.

Unha vez máis, o Mar e o litoral de Galicia volta a estar contaminado, e a pesar de que este buque non pertencía ao 30% dos buques que transportan mercadorías perigosas, estamos ante un grave problema medio-ambiental.

Dende a Administración Autonómica volven a tentar “lavarse as mans” intentando deixar a responsabilidade nun primeiro momento dos concellos a limpeza deste residuo que esta a contaminar todo litoral galego, como podemos comprobar na nota oficial do día 4 de xaneiro de 2024 da Consellería do Mar, nota por certo que se contrapón coas declaracións dos distintos Concellos de Arousa, Muros, Noia…

Custoulle catro días de confrontación entre administracións galega-estatal para que a Xunta declarase o nivel 2 de alerta para que o goberno do Estado poida participar nas medidas de limpeza.

Ante esta situación non só de inacción do Goberno da Xunta de Galicia senón que chega “tarde, mal e arresto”, PROPOÑEMOS medidas de carácter global e especificas coa finalidade de PROTEXER, PRESERVAR e COIDAR o noso mar.

PROPOSTAS DE ÁMBITO GALEGO

1- Recollida e reciclaxe de forma inmediata todos os pellets de resina do litoral galego, e por os equipos de garda costas e outros entes a controlar a aparición de novos focos de pellets, para retiralos no menor tempo posible, incluso antes de tocar terra.

 2- Plan de retirada de todos os plásticos e lixo das zonas contiguas o litoral, e dos ríos galegos.

3- Obrigar a Portos de Galicia a dispor de mecanismo de extracción de augas oleosas (sentinas) en tódolos portos do litoral con independencia de rango e tamaño.

4- Exercer un maior control sobre os vertidos realizados de terra (que vai a ríos) e mar, así como aplicar de forma real a lexislación actual nas infraccións en especial minas e grandes industrias.

5- Revisión e depuración real dos vertidos de augas sucias o mar, dividiremos en tres tipos de emisarios en función da súa localización.

  • Emisarios que verten aos ríos, estes deberán verter previamente a unha zona contigua o río onde se poida ver de forma visual a calidade do vertido.
  • Emisarios que verten o interior da Ría, estes deberán ter unha lonxitude mínima que permita a súa descarga na canle máis profunda da Ría.
  • Emisarios que verten a costa aberta, deben ter unha distancia mínima que permita que ditas augas non volvan á costa.

6- Existirá a posibilidade de ver as analíticas das augas depuradas a través dun portal web do organismo encargado do control.

PROPOSTAS DE ÁMBITO ESTATAL-EUROPEO

1- O traspaso de competencias marítimas para Galicia. No período que estean en poder do Estado, propoñemos o traslado inmediato da sede da Dirección Xeral da Mariña Mercante a territorio da costa Galega, permitindo dese xeito a comunicación real e efectiva, así como un funcionamento máis acorde coa realidade do medio.

2- Propoñemos a construción de un porto europeo de salvamento marítimo na illa portuguesa de “Pedra do Sol” para o traslado de buques perigosos con carga a bordo, en situación de “sen goberno” “a deriva” ou termo análogo

3- Redefinir o “plan de actuación” e debe iniciarse automaticamente ante calquera incidencia, escalando nas medidas a realizar, acorde con a perigosidade ou riscos.

*******************