O PG presentou o sábado 19 de novembro a Agrupación Local en Ribeira
Abriu o acto o Secretario Xeral Maxi Vázquez, que incidiu na necesidade de devolver a utilidade e a altura de miras á politica actual, afondar na solidificación dos proxectos reais e produtivos do país e consolidar unha alternativa política coa toma de decisións no país para evitar a falta de actuacións precisas a nivel galego.
Pola súa banda o Presidente Xosé Mosquera fixo unha reflexión sobre a mala situación da pesca galega debido a que a xestión do mar executase dende a meseta.
Na presentación da Agrupación Local, interviu o novo Secretario Local, Moisés Domínguez, un dos membros máis novos desta agrupación, graduado en Administración e Dirección de Empresas pola Universidade de Santiago de Compostela e implicado socialmente na súa parroquia de Oleiros.
Remarcou entre outras, as seguintes problemáticas:
-Política urbanística: é preciso levar a cabo proxectos como a construción da biblioteca municipal, da residencia de maiores, rematar a estación de autobuses, aumentar as zonas verdes que foron substituídas por formigón, dotar a Ribeira dunha alameda que podería estar situada por detrás do grupo escolar, rehabilitar os edificios ruinosos no centro da cidade para o seu posterior aluguer para negocio ou vivenda e a construción dun aparcadoiro de caravanas. Tamén velaremos por mellorar as infraestruturas nas diferentes parroquias de Ribeira.
-Política de mantemento das infraestruturas xa existentes: a limpeza de cunetas, a reparación do alumeado ou o asfaltado de pistas.
-Política sanitaria: consideramos urxente a mellora do centro de saúde de Ribeira. Imos traballar para conseguir a tan necesaria dotación de médicos, así coma o aumento de servizos de especialistas no hospital do Barbanza e a dotación dun médico no centro de saúde de Corrubedo.
-Política social: é preciso dar cobertura absoluta as persoas dependentes que necesiten do servizo de axuda no fogar, velar polas persoas maiores que vivan soas creando programas de acompañamento nos que os nenos e os maiores poidan aprender xuntos.
Rematou indicando que o Partido Galego preséntase en Ribeira coa intención de facer unha política que mellore a vida da veciñanza deste concello, facéndoa partícipe dela. Neste senso nos meses de decembro e xaneiro faranse reunións veciñais en cada unha das 9 parroquias de Ribeira para escoitar as necesidades da veciñanza e transmitirllas ao grupo de goberno e incluílas no noso programa electoral.
Na mesma reunión a agrupación tamén elixiu a Oscar Casais como Secretario Local de Organización, quen coordinará as accións adecuadas para consolidar o proxecto do Partido Galego.
A Agrupación Local de Ribeira