CONGRESO CONSTITUÍNTE
celebrado en Arzúa o 22 de outubro do 2022

Obxectivo
Dispoñer dun partido que defenda os intereses de Galicia e da súa sociedade. Ter un proxecto rigoroso e diferenciador que se debe presentar nas eleccións municipais 2023 e autonómicas 2024, co afán de atraer o voto galeguista e mudar a correlación de forzas nos concellos e no Parlamento Galego, neste último que chegará cos mesmos grupos políticos e mesma representación no 2024 que a disposta xa no 1997.
Identificación ideolóxica
O Novo Partido Galego debe ser un partido co perfil adecuado para chegar á maioría da sociedade, este debe situarse na centralidade política, conectando coa sociedade galega.
É habitual que na sociedade contemporánea se teña como pensamento coherente e racional a defensa dos piares do benestar públicos (educación, sanidade, Servizos Sociais e pensións), e esas mesmas persoas sexan practicantes relixiosas.
A defensa e a protección da cultura galega son valores e actitudes que abranguen a todo aquel que teña un sentimento de País ou o que nós chamamos sentimento galeguista.
A ecoloxía, a defensa do rural e o desenvolvemento sostible dos nosos sectores produtivos serán parte fundamental na nosa identificación ideolóxica. A nosa acción política centrarase en grande medida no apoio e mellora en sectores consolidados tales como a pesca, gandaría, vitivinícola, etc, así como en impulsar sectores potenciais da industria, producción que atenda a economía circular tendo especial atención ao conxunto da cadea de valor. Apostamos pola sostibilidade, fomentaremos que esta actividade se exerza no comercio de proximidade e ecolóxico.
Ideas Programáticas
- Autonomía e autogoberno: Posta en valor das institucións e competencias para o autogoberno de Galicia, conseguindo a plena aplicación do Estatuto de Galicia, adaptado ao marco europeo para acadar o autogoberno.
- Organización do territorio: A organización coherente e coordenada das áreas metropolitanas e a aposta polo mundo rural para que acade un futuro dinámico e moderno teñen que ser as bases para unha organización territorial en rede.
- Organización do mar: É necesario defender a sostibilidade dun dos sectores máis representativos da economía e do carácter galego, con medidas que defendan e modernicen o sector compaxinadas con outras que defendan os recursos mariños para que perduren non tempo.
- Transición ecolóxica e dixital: O obxectivo debe ser situar Galicia como referencia a nivel político, social e tecnolóxico no proceso de transición ecolóxica no que a humanidade verase inmersa nas vindeiras décadas.
- Economía: Potenciar o propio, procurar a autosuficiencia e garantir o benestar.
- Benestar, Educación, Seguridade e Saúde: Apostamos pola blindaxe dos servizos universais e de calidade, fomentando melloras no seu financiamento e eficiencia. Sistema educativo, sanidade, servizos sociais, renda básica para persoas desempregadas a nivel europeo e sistema de pensións público.
- Galicia, Cédula de Universalidade: Proxectar Galicia coma un pobo diferenciado e aberto no concurso das nacións, fomentando a cooperación e solidariedade dos pobos. Pensar en chave global e actuar en chave local.