O Porvir da Lingua Galega.
Tras ler fai uns días na Voz de Galicia a publicación dos resultados da enquisa de sondaxe sobre o uso da Lingua Galega na poboación da nosa comunidade, confirmábanse uns feitos que se poden observar en calquera ámbito da nosa vida diaria; a perda constante do uso da nosa lingua na nosa poboación.
Os datos amosan unha situación pesimista para o futuro do noso idioma podendo chegar a desaparecer nun período de tempo non moi lonxevo.
A poboación situada entre os 18 e 44 anos falan máis castelán que galego supoñendo case un 26% do total, fronte o 15% dos que só falan galego. Esta situación está máis equilibrada entre a poboación de 45 a 64 anos na que o 23,5% só falan en castelán, fronte o 21,5% que só falan en galego. A única franxa de idade na que a poboación usa maioritariamente o galego é a situada en máis de 65 anos empregando só o galego o 35,9% da poboación, fronte o 14,4% que só usan o castelán.
Estes datos dannos moito que pensar, xa que vemos un claro descenso do uso do galego na poboación máis nova, o cal pode poñer en perigo a súa transmisión para xeracións futuras. Tamén vemos como a poboación mais maior é a que máis o emprega supoñendo isto unha perda importante de falantes no prazo duns 20 anos.
Outro dato curioso é o uso do galego por núcleos de poboación, sendo os concellos menos habitados os que máis empregan o galego fronte as grandes cidades e os concellos medios que máis empregan o castelán. Este feito tamén se pode explicar debido a que os concellos máis pequenos conteñen unha poboación moi envellecida fronte as grandes cidades que conteñen unha poboación máis nova.
Tamén podemos observar como no eido laboral e educativo a diferenza é maior, o 34,3% emprega sempre ou case sempre o castelán mentres que un 23,5% prioriza o galego, amosando así unha situación de diglosia na que se amosa que o castelán goza de máis prestixio no ámbito académico fronte o galego que queda relegado a situacións socialmente inferiores como a vida familiar.
Estes son os resultados de anos de abandono por parte das nosas institucións públicas, comezando polo goberno autonómico, que é o responsable da política lingüística.
O galego está claramente nunha situación de inferioridade fronte o castelán, que é a lingua que compite por ocupar o espazo do galego.
Un exemplo disto é o número de canles públicas que existen en galego, que son dúas ou tres (TVG, TVG2 e algunha canle local) fronte os máis de vinte e pico canais que emiten en castelán. Outro espazo no que o galego tamén está discriminado é o das plataformas audiovisuais (Netflix, HBO, Prime Video…) no que non hai posibilidade de ver contido no noso idioma. A prensa escrita é outro medio no que o galego case non ten representación, escribindo a maioría da prensa autonómica con máis tirada en castelán (La Voz de Galicia, Faro de Vigo, Correo Gallego…)
As linguas son unha ferramenta que nos permitiu comunicarnos como especie humana e para a globalización a existencia de diversas linguas non é máis que un atranco. A comunidade científica deseñou no seu momento o Sistema Métrico Internacional coa intención de que existise no mundo unha única forma de medición que fose igual e exacta para toda a poboación mundial, a cal foi substituíndo o uso dos ferrados, as cuncas e as varas na nosa comunidade, e se implantou con moito éxito debido a educación. No caso lingüístico tamén se tratou de xerar un idioma universal, o Esperanto, pero este non frutificou debido as posicións políticas de cada País. No noso caso o que se leva facendo directa e indirectamente e substituír a nosa lingua por outra lingua foránea, pero sen a busca desa internacionalización que nos permitiría avanzar como especie humana.
O galego é unha lingua tan útil como o castelán xa que nos permite comunicarnos ca poboación que fala portugués, que supón un total de 270.000.000 de falantes, pero por desgraza o galego camiña cara ser unha lingua cada vez máis residual.
Unha vez visto isto, os nosos representantes políticos deberían de tomar medidas se desexan que conservemos o noso idioma no futuro, xa que este forma parte da nosa cultura e da nosa idiosincrasia e polo tanto debería ser nosa a responsabilidade de coidalo e protexelo, porén precisamos de alguén que o defenda, precisamos do Partido Galego.
Moisés Domínguez Rodríguez