6 de xuño de 2024 / 6 de xuño de 2025
Hoxe podemos lembrar con ledicia que hai un ano o PARTIDO GALEGO conseguiu un fito histórico para Galicia.
En 50 anos de democracia foi o primeiro partido político que conseguiu presentar candidatura propia e netamente galega ás Eleccións Europeas, sen estar incluído en ningún tipo de fronte ou coalición.
Preto dun cento de cargos municipais, concelleiros e concelleiras, alcaldes e tenentes de alcalde, déronnos o seu apoio como avalistas da candidatura, amosando con ese apoio a súa confianza na dirección do Partido Galego.
Con esta comunicación, queremos facer pública unha humilde homenaxe de gratitude a todas e a todos, aínda que a nivel privado xa se fixo no seu día, pois so partindo desa confianza foi posible este gran paso.
Certamente un dos obxectivos foi evidenciar que en Galicia existe unha forza política que representa ao electorado do centro transversal, social e humanista co que se identifica a maioría da poboación de Galicia; esa liña política moderada tamén chamada galeguismo, ese galeguismo que se identifica cos valores galegos e que so é patrimonio do pobo mesmo.
Obviamente houbo moitos máis motivos polos que nos presentamos a esas eleccións: a mobilización socio-política precisa para aumentar a conciencia de País e reactivar as Agrupacións Locais, o orgullo de presentarmos candidatura galega para Europa, a opción sempre presente de termos representación directa e independente, o impulso de líderes políticos nos primeiros postos da candidatura, no que destacamos a Olga Dourado, que tiveron a valentía de presentarse aínda sendo conscientes do traballo que suporía, e a garantía de chegar co nome do Partido Galego as 58.500 mesas electorais de España e a todas as radios e televisións públicas, entre outros.
O Partido Galego, nexo de unión do galeguismo. Esta foi unha das mensaxes forza, sacada do noso documento “Liña Estratéxica”, que fora elaborado dous meses antes no Congreso de abril.
Xa agradecemos naquela data ás 5.600 persoas que apoiaron ao Partido Galego co seu voto, e reafirmamos un ano despois ese agradecemento. Froito diso tamén se achegaron varias persoas significadas ao partido, algunhas delas actualmente na Executiva Nacional e no Consello Nacional.
Como balance político no ámbito europeo, poderiamos remarcar varios feitos relevantes deste ano. Un sería a desfeita do populismo fascista de “Se Acabó la Fiesta” de Alvise, a través dos procesos xudiciais da corrupción que o rodean. Outro un PP que usa basicamente o Parlamento Europeo para ir en contra dos intereses de Galicia, tanto no intento de boicot dos fondos Next Generation, como no voto en contra do recoñecemento do galego como lingua oficial, ou tamén co voto en contra en propostas tan beneficiosas como a Excepción Ibérica na tarifa eléctrica, entre outras.
Queremos seguir trasladando esa disposición de Partido ao servicio de Galicia, partido do rigor, dos valores, da confianza e do consenso. Conseguiuse moito con pouco, sobre todo cun ínfimo gasto electoral que ben podería parecer o dun concello pequeno nunhas eleccións municipais, e que deu como resultado estar na rúa, nos medios públicos e nas urnas ao mesmo nivel que os que se gastaron millóns de euros nesa campaña electoral.
Seguimos á vosa disposición, tamén para que vos animedes a participar no partido de maneira directa, nunha Agrupación Local, nos diferentes Grupos Operativos de Traballo, como simpatizantes, como militantes, ou simplemente como colaboradores.
Suso Ares (Coordinación Xeral)
GALICIA, fin da terra e centro do mundo