SAMAÍN. Celebración das nosas raíces.

SAMAÍN

É unha festividade que nace nas tribos (pobos) celtas que se estenderon por toda EuroAsia dende o século oito a.C. para diante, ate que a romanización nalgunhas zonas os exterminou, outras os asimilou e outras resistiron a esa asimilación chegando aos nosos días con moitas tradicións, unha delas e das máis coñecidas, o SAMAÍN.

O SAMAÍN, é unhas das catro festas celtas que identifican os cambios estacionais, pero ademais o Samaín ten a particularidade de identificar o final do ciclo das colleitas, o final do medio ano de luz e dar paso ao medio ano da noite.

Ao dar paso ao medio ano da noite, simboliza a fusión entre o mundo dos vivos e o dos mortos, de aí que sexa o día (a noite do 31 de outubro para o 1 de novembro) onde se celebra o actual día de santos ou de defuntos.

A “árbore da vida” que se recolle en moitas culturas posteriores, ten a súa raíz na fusión das dúas partes, a das sombras que está na terra e a da luz que está no aire, fusionando e tendo as mesmas dimensións as raíces e as ramas, e creando a simbiose da importancia simétrica entre as dúas partes.

É de resaltar que o mapa de distribución do carballo (quercus robur) coincide coa dimensión da civilización celta indo-europea.

Actualmente en Galicia seguimos sufrindo a presión dos elementos externos que deturpan a nosa esencia, e no referente a esta celebración, así como no seu momento foi a igrexa católica transformando a festa tribal do Samaín pola festa relixiosa do “Día de Santos”, agora estamos a ver como os medios de comunicación, rrss, etc seguen coa teima do Halloween levada no seu momento polos colonos de inglaterra descendentes dos celtas desas terras aos EEUU, e logo transformando esa celebración nun compendio consumista. O nome en si mesmo xa pode confundir co seu significado de orixe, pero sobre todo a parafernalia que leva implícita, que se centra exclusivamente na dimensión da noite e no terror dos mortos cara os vivos, ou das almas que veñen para asustar aos vivos… nada que ver coa celebración orixinal do Samaín.

Apostemos por recuperar e manter a esencia do significado do Samaín, tanto por respecto aos nosos devanceiros, como polos valores que implican unha celebración que buscaba a conexión real coas persoas falecidas, unha celebración lúdica e alegre do remate das colleitas ou do tempo do traballo no período dos días máis longos do ano, na degustación gastronómica da castaña, ese alimento que ten mil aplicacións e que se conserva no período escuro, e sobre todo, compartir coa familia, amizades e veciñanza contos, experiencias, novidades, rexoubear, practicar música tradicional en foliada, e manter a nosa cultura e valores, nesta época que si parece escura e con tristura pola perda dos mesmos.

Suso Ares

Membro da dirección nacional do PG