PARTIDO GALEGO, JUNTS E PNV DEFENDEN A IMPORTANCIA DAS NACIONALIDADES HISTÓRICAS FRONTE AOS MOVEMENTOS CENTRALISTAS
- Jordi Turull responsabilizou ao centralismo de causar o referendo do 1 de outubro.
- Dolores Etxano puxo sobre a mesa a necesidade dun novo estatus para o País Vasco.
- Anxo Franco lembrou as consecuencias que tivo para Galicia o centralismo.
- Aaron Pousada presentou as xuventudes do Partido Galego.
Santiago, 21 de novembro.- A Aula 8 da Facultade de Historia da USC acolleu este xoves a conferencia “Nacionalidades históricas. Contrapeso ao centralismo”, na que se puxo de manifesto o risco dos movementos centralizadores para as diferentes nacionalidades. Nun acto presentado pola secretaria de Xuventude e Deporte do Partido Galego, Paula Villar, participaron o Secretario Xeral de Junts, Jordi Turull, a senadora do PNV María Dolores Etxano, o Secretario Xeral do Partido Galego, Anxo Franco e o representante de XUGADE Aarón Pousada.
Presentación das xuventudes
O acto comezou coa presentación de Xuventude Galega Demócrata (XUGADE), a organización xuvenil do Partido Galego que, tal e como avanzou o seu representante, Aarón Pousada, está “orientada sobre todo cara o ámbito universitario” mesmo que sexa de representación xeral da xunventude en todos os ámbitos e territorios de Galicia. “A idea é construír unha entidade ligada ao partido que se ocupe de defender a cultura galega e sobre todo o uso da nosa lingua, ademais dos valores democráticos”, comentou.
En canto á conferencia, quixo aportar a visión da xuventude. Alertou do “perigo de perder todo o que se conseguiu nas últimas décadas” en canto a democracia, soberanía e autodeterminación. En Galicia, asegurou, “a nivel político practicamente non existen opcións”, pois o “BNG trata de abrirse camiño no espazo autonómico” e o PPdeG xa tería quedado só “co ’PP’, posto que de galego ten pouco”. Asemade, avisou de que se está a producir un basculamento “cara a ultradereita españolista e centralista” que xa conta con 33 escanos no Congreso dos Deputados, fronte aos 31 acadados polos partidos representantes das nacionalidades históricas.
Incidiu na necesidade de defender a unha “xuventude moi proclive a ser cautivada polo discurso radical, antidemocrático e centralista” a través das redes sociais. Engadiu que a xuventude ten que elixir entre ser recordada por “desprezar e atacar a democracia, a liberdade e a soberanía na que tivo a sorte de nacer ou como a que optou pola fraternidade, o diálogo e o respecto para defender os seus dereitos”.
Jordi Turull
Na súa intervención, o secretario xeral de Junts per Catalunya, Jordi Turull, defendeu que “somos un partido independentista que sintetiza a evolución do catalanismo político, que pasou dunha estratexia de modernización e aposta por un Estado plurinacional a defender a autodeterminación e o Estado propio ao ver que o estado español é irreformable”.
Ao contrario, Turull lembrou que esa aposta xerou o efecto contrario, con decisións como recortar o Estatut d’Autonomía, as sentencias contra a lingua catalá, o déficit fiscal, a falta de inversións e a represión a políticos independentistas. É por iso que “despois de tantos intentos, o catalanismo evolucionou maioritariamente cara o independentismo, porque non renunciaremos a ser o que somos”. Neste sentido, Turull lembrou o referendo do 1 de outubro de 2017 en Cataluña e asegurou que “ese día gañou a democracia e fracasou estrepitosamente o estado español”.
Dolores Etxano
Pola súa banda, a senadora do PNV, Dolores Etxano, subliñou a importancia das nacionalidades históricas como contrapeso a un centralismo que emana dunha transición sen ruptura co antigo réxime e que deixou asignaturas pendentes, como o recoñecemento das nacións históricas. “O modelo do 78 naceu máis para conter as demandas das nacionalidades históricas que para recoñecelas plenamente”, mantivo. “A Constitución distingue entre ‘nacionalidades e rexións’, lonxe do recoñecemento explícito de Euskadi como Nación e dun pacto bilateral con garantías que defendía o PNV”.
A senadora abertzale destacou a habilidade vasca ao pactar o Estatuto de Guernika en 1979, tendo “claro desde o principio que o autogoberno real só era posible con dous piares: Seguridade propia e Facenda propia. Do mesmoxeito, lembrou os perigos que chegaron de maneira inmediata, primeiro, tras o 23F, coa LOAPA, que foi freada polo Tribunal Constitucional, e que posteriormente se sofren a través dunha ‘erosión silenciosa’, “mediante a expansión da lexislación básica e uso de títulos transverais, mantendo a competencia formal, pero baleirándoa de contido; mecanismos económicos que condicionan a acción autonómica; supersolapamento normativo, con proliferación de axencias estatais e autoridades independentes que ocupan espazos xa transferidos”, enumerou.
Asemade, mencionou o perigo actual do avance dos populismos, tanto de extrema dereita como do esquerda, tamén centralizadora. Na súa análise, puxo especial atención na xuventude, sobre a que opinou que non é que se volvese reaccionaria senón que “rexeita unha política que non lle fala dos seus problemas, que non os chama a participar e que non lles permite falar con voz propia: queren unha democracia útil, que responda aos seus problemas”. Etxano asegurou que EAJ-PNV considera que “o autogoberno vasco pode e debe facernos ser ese espazo común, e por iso a proposta dun novo estatus para Euskadi plantexa un pacto bilateral co Estado: un Concerto Político con garantías de cumprimento, coa mesma Bilateralidade do Concerto Económico”. Para iso, sinalou a senadora vasca, o Estado “debería recoñecerse como o que é: un Estado plural, composto, con varias identidades nacionais. Porque só así será un Estado plenamente democrático e resistente. E nesa ventá de oportunidade traballamos co actual goberno en minoría, co obxectivo e garantir que a pluralidade territorial sexa un activo democrático, non un problema a resolver”.
Anxo Franco
Para pechar a conferencia, o secretario xeral do Partido Galego, Anxo Franco comezou a súa intervención lembrando que antes do golpe de Estado de 1936 “os movementos fascistas e as súas expresións políticas chegaron a Galicia con menor forza do que o fixeron en centros como Madrid, Sevilla ou Valencia”. Amais, desde principios da década existía “un nacionalismo político organizado que reivindicaba non só unha identidade cultural propia senón tamén solucións políticas como a autonomía”, atopándose nel o Partido Galeguista que chegou a representar o 5% de escaños ou Castelao, “ao que se lle adicou este ano de forma moi simbólica, porque a Xunta apenas organizou eventos”, comentou.
Indicou que a presenza de “importantes recintos militares e navais” e a “coordinación militar”; a “débil mobilización armada e falta de armas para o lado republicano”; o apoio de “sectores conservadores, propietarios e caciques locais, que viron rápidamente que a forza das armas estaba fortemente descompensada en Galicia a prol dos fascistas” e o “apoio institucional e social da Igrexa” foron os causantes de que Galicia quedase baixo o control das forzas contrarias á República con rapidez. A ese momento seguiuno “unha represión intensa contra persoas e colectivos asociados á República, ao sindicalismo ou ao nacionalismo galego”, engadiu.
Anxo Franco asegurou que na actualidade aínda perdura parte do “autodesleixo á nosa identidade”, provocado por un franquismo que “aniquilou as figuras políticas do galeguismo”. Do mesmo xeito, os movementos de extrema dereita non está tendo o mesmo éxito ca noutros lugares porque “atoparon freos culturais e políticos”. Nese senso, dúas variables teñen especial importancia, segundo o Secretario Xeral do PG. “Por unha banda, a existencia dun nacionalismo político organizado que mantén unha tradición institucional e simbólica; por outra, a presenza na sociedade dun sentimento galeguista”, enunciou. Por iso, mostrou a necesidade de “defender o autogoberno e as competencias”, tanto as pendentes de transferir como as transferidas nas que “o goberno central de turno continuamente interfire”.