O PP mostrou na última Conferencia de Presidentes o seu programa “oculto”
Día 8 dos correntes
Xuño`25. Hoxe, día de Pentecostés, leuse na igrexa:
“Moraban entón en Xerusalén xudeus, varóns piadosos, de todas as nacións baixo o ceo. E feito este estrondo, xuntouse a multitude; e estaban confusos, porque cada un oía falar na súa propia lingua. E estaban atónitos e marabillados, dicindo: Mirade, non son galileos todos estes que falan? Cómo, entón, os oímos falar cada un na nosa lingua materna? Partos, medos, elamitas, e os que habitamos en Mesopotamia, en Xudea, en Capadocia, no Ponto e en Asia, en Frixia e Panfilia, en Exipto e nas rexións de África máis alá de Cirene, e romanos aquí residentes, tanto xudeus coma prosélitos, cretenses e árabes, oímos falar nas nosas linguas as marabillas de Deus”.
Este milagre é semellante ás persoas que moran en diferentes puntos do Estado e acoden a unha Conferencia de Presidentes (6-6-2025). E, malia cada un falar na súa lingua, todos os demais escoitaban falar nos seus ouvidos en perfecto castelán.
Sen embargo, a xente fai 2000 anos marabillábase con este suceso, na actualidade indígnanse e faltan ao respecto, abandonando a sesión.
Os do PP, que tanto “usan” referencias relixiosas e todo tipo de entidades vinculadas á relixión, adoitan ser os da intolerancia cara os demais, así como a imposición dunha única lingua, fannos retroceder máis de 2000 anos como civilización.
Respectémonos todos e defendamos todo o patrimonio que posuímos, tanto material coma inmaterial.
Anxo Franco Vidal
Membro da Executiva do Partido Galego