O Partido Galego comparte co PNV o seu Alderdi Eguna

(de esda. a dra.) Maitane Ipiñazar (Secretaría EBB), Aitor Esteban (Presidente PNV), Anxo Franco (S. Xeral PG), Imanol Pradales (Lehendakari vasco) Xesús Ares (C. Xeral PG), Miren Martiarena (S. R. Internacionais)

Un ano máis o Partido Galego comparteu co PNV o día grande do partido, o Alderdi Eguna.

A cita deste domingo en Foronda-Euskadi, estivo marcada polas mensaxes destinadas as problemáticas sociais e ao auxe do fascismo.

Partido Galego e Partido Nacionalista Vasco puxemos en común solucións propias a problemas semellantes como pode ser a falta de vivenda, a preocupación por sectores produtivos coma o gandeiro ou o pesqueiro ou a regulación migratoria.

No caso da vivenda, o Partido Galego propón solucións adaptadas á realidade galega. Unha delas, ademais, tamén soluciona outra problemática importante do noso territorio: o abandono do rural. E é que, ante a dificultade de ter terreo edificable nas cidades, a recuperación de vivendas abandonadas nas aldeas é fundamental, asumindo a Xunta a súa rehabilitación cando o seu propietario non teña recursos suficientes, e poñéndoas en aluguer social. Tamén apostamos por darlle unha altura máis aos edificios dos ensanches das cidades e vilas máis tensionadas, empregando técnicas de estrutura metálica, máis lixeiras e económicas para construír, non necesitando dese xeito terreo urbanizable.

Tamén coordinamos políticas para frear o auxe do fascismo que ameaza a democracia, os dereitos máis básicos da cidadanía, a cultura, a paz, e os avances científicos, industriais, etc. É un reto que nos toca afrontar de forma colectiva. Moi en particular as tres nacionalidades históricas, Euskadi, Cataluña e Galicia, temos o deber de parar esa lacra fascista que representa Vox e que para desgraza de moita xente apoia o PP. A receita para conseguilo é facer unha importante labor pedagóxica e, ademais, non darlle escusas para o discurso simplón e básico que teñen. Nese senso, recoñecemos que é necesario un maior control das fronteiras e a regulación migratoria, xa que nun territorio finito e con recursos limitados non é posible acoller a inmigrantes ilimitadamente, xa que a súa integración sería imposible. Por iso ten que ser gradual, e sempre respectando os dereitos humanos.

Tamén compartimos a necesaria acción coordinada no conxunto do Estado para resolver problemas como os desequilibrios de prezos entre a produción e o consumidor, en referencia aos sectores primarios como o gandeiro ou o pesqueiro.

Estes e outros que tamén entraron en axenda, son temas e retos que compartimos co PNV.

coa senadora Mª Dolo Etxano e a Delegación saharaui

o S.Xeral en rolda de prensa.