O GALEGO NO CONTORNO DIXITAL, LABORAL E RADIOFÓNICO

        Así se chamou a primeira Xornada organizada en honor ao galeguista Manoel Vello, que se celebrou este venres día 2 en Santiago de Compostela.

           A xornada promovida pola Asociación Pro-Fundación Manoel Vello deu así comezo a unha traxectoria de acción galeguista para difundir o pensamento e o propósito social e político da persoa que lle dá nome.

            Con esta primeira xornada, os galeguistas non podemos máis que estar de celebración, pois este País precisa de moitas mans e moitas organizacións sociais como esta para recuperar en primeiro termo a nosa identidade, e virar a tendencia desa perda para coller un camiño ascendente cara a Galicia dona de seu.

            Todos e todas as poñentes da xornada, foron magníficos exemplos de acción galeguista nos seus ámbitos profesionais, e demostraron que unha das mellores ferramentas pedagóxicas para conservar e incrementar o uso do galego como lingua normalizada e vehicular é a acción persoal e firme no seu uso en todos os ámbitos da vida, pero tamén consciente e persistente para seducir aos aínda non falantes.

            A esta xornada asistiron dous representantes do Partido Galego, Suso Ares (Coordinador Xeral) e Paco Villanueva (Presidente), que constataron que o espírito de Manoel Vello estivo sempre presente, non só polas alocucións de poñentes e asistentes, senón tamén pola temática e a filosofía da súa aplicación social.

            Dende o Partido Galego, queremos dar os nosos parabéns á dirección da asociación polo traballo realizado e a boa acollida que tivemos. Sentímonos como na casa, e queremos deixar constancia pública diso así como lembrar ao benquerido Manoel, que deixou unha forte pegada en declaracións públicas a favor de apoiar o galeguismo e a súa ferramenta política que representa o Partido Galego, estamos na obriga de corresponder coas accións sociais desta asociación, porque non hai mellor forma de honrar a Manoel Vello que facelo dende a entidade que leva o seu nome, a súa memoria e os seus propósitos para sempre.

                  Suso Ares (PG), Carolina Silva (Presidenta), Fina Bello (Vicepresidenta) e Paco Villanueva (PG)