O dependentismo empobrécenos
Entre 2011 e 2013 o Estado español liquidou o noso subsistema bancario (Caixa Galicia, Caixanova e Bancos Pastor e Gallego, nomeadamente). Das resultas desta desfeita, como observou o profesor da USC Edelmiro López Iglesias, perdimos unha media de máis de 3.000 M€/ano dende aquela. Hoxendía a banca española recolle na Galicia máis de 75 mil M€ de depósitos e só presta aquí uns 48 mil , o que xera un déficit de máis de 27 mil M€ de aforro galego drenado cara Madrid, nomeadamente. É dicir… 10.000 € por cada galeg@!! Cada vez máis pequenas e medianas empresas e start ups galegas atopan graves dificultades para financiaren os seus investimentos.
Esta longa era dependentista de Núñez Feijóo deu nun País universalmente recoñecido pola calidade dos seus produtos alimentarios que, porén, ten de depender da súa importación para se alimentar (agás os produtos do complexo mar-industria). Dun País que produce o 40% do leite do Estado español sen estruturas eficaces empresariais e industriais para a transformación deste produto, como tampouco é quén de transformar a pasta de papel de ENCE en produtos de cadea de valor, mentres a dependencia alimentaria de Galicia agrávase pola transformación de terras agrícolas en cultivos de eucalipto. Dun Goberno galego dependentista que prioriza sobre actividades localmente máis rendíbeis parques eólicos que, ademáis, xeran custos ambientais sen achegar beneficios económicos, nun País que segue a exportar o 31% da electricidade producida no seu territorio, mentres as súas empresas e consumidores pagan máis cara a luz.
No eido fiscal, dependentistas galegos e espelidos unionistas de Madrid nos contan que vivimos da solidariedade española, cando o economista Xosé Díaz ven de demostrar que no 2009 o Estado recadou 4.562 M€ máis dos que reintegrou a Galicia. E cando o experto en Administración Local Xosé A. Jardón demostrou hai anos que Galicia recebe 500-600 M€/ano menos do Estado para financiamento dos seus concellos do que lle cumpriría só por poboación.
Reaxirmos a prol do autogoberno, da soberanía e dun desenvolvemento endóxeno e sostíbel é unha necesidade fulcral para o noso futuro económico.