NACIONALIDADES HISTÓRICAS, contrapeso ao centralismo.

O PARTIDO GALEGO ORGANIZA UNHA CONFERENCIA SOBRE A IMPORTANCIA DAS NACIONALIDADES HISTÓRICAS FRONTE OS CENTRALISMOS

  • Celebraráse o xoves, 20 de novembro na Facultade de Historia.
  • Jordi Turull (Junts), María Dolores Etxano (PNV), Anxo Franco (PG) e Aaron Pousada (XUGADE) serán os poñentes.

Santiago, 19 de novembro.- O Partido Galego atópase inmerso nos preparativos da conferencia “Nacionalidades históricas. Contrapeso ao centralismo”, na que se abordarán propostas para atallar a radicalización das extremas dereitas nun momento de auxe dos populismos e dos fascismos.

Neste evento, no que estarán representadas as tres nacionalidades históricas coas que conta España – Galicia, Cataluña e País Vasco –, as diferentes, forzas políticas propias de cada nacionalidade, reprimidas por un franquismo do que se cumpren agora 50 anos do seu final, terán un protagonismo especial. Deste xeito, poderase observar a importancia que teñen os partidos con centro de decisión nas respectivas nacionalidades históricas, como é o caso do Partido Galego, á hora de frear o centralismo proposto polos movementos de extrema dereita, populismos e fascismos.

Celebrarase o vindeiro xoves, 20 de novembro, ás 19.30 horas, na Facultade de Historia da USC en Santiago de Compostela. O acto estará presentado pola secretaria de Cultura e Deporte do Partido Galego, Paula Villar, e participarán Jordi Turull, María Dolores Etxano, Anxo Franco e Aarón Pousada.

Jordi Turull é natural de Parets del Vallès. Secretario Xeral de Junts per Catalunya dende 2022, é avogado e entre 2017 e 2018 ocupou o cargo de Conseller de la Presidència. Ademais, foi deputado do Parlamento catalán entre 2004 e 2019.

María Dolores Etxano é senadora do PNV dende 2016 e concelleira de Ondarroa, a súa localidade natal, dende 1999. Licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade do País Vasco, é coñecida pola súa loita contra a violencia machista.

Por parte do PG, un dos poñentes será Anxo Franco, recentemente elixido Secretario Xeral. Natural de Dodro (A Coruña), é diplomado en Relacións Laborais e Técnico Superior de Prevención de Riscos Laborais, profesión que exerce desde 2006. Foi tenente de alcalde entre 2007 e 2010 nun goberno de coalición.

Asemade, o acto servirá para presentar Xuventude Galega Demócrata (XUGADE), a organización xuvenil do Partido Galego. Intervirá Aarón Pousada, quen a liderará. Natural de Lalín (Pontevedra), estuda Historia na USC.