POSICIÓN POLÍTICA DO PARTIDO GALEGO SOBRE A MOCIÓN DE CENSURA NO CONCELLO DE TOURO
12 de agosto de 2025. Esta data vai quedar gravada neste concello por levarse a cabo un cambio de goberno que ten como motivación de fondo a peor política que desenvolve o PP, que consiste en buscar persoas con certa vulnerabilidade nos grupos da corporación e claramente ir a por elas.
Consideramos “persoa vulnerable” aquela con poucos recursos, sin solvencia política, nin escrúpulos, nin ética nin honestidade.
Non é necesario explicar que método usan para “convencer” a unha persoa para que rompa co grupo orixinal co que se presentou a unhas eleccións democráticas pero, dende o minuto un, o PP lanzou a consigna de que o goberno non duraría toda a lexislatura.
No Concello de Touro, a perda da alcaldía supuxo para o PP un desgusto político, xa que é o “epicentro” da minaría en Galicia. Minaría que estivo sempre moi interesada en que existira un alcalde claramente favorable aos seus intereses para facilitar cantos informes e proxectos lle abrisen o camiño para a súa implantación total por todo o concello e arredores.
Hoxe non se presentou un novo modelo de concello, nin un novo plan de participación veciñal, nin un novo plan de sostibilidade, nin un novo plan de turismo ou un plan para recuperar poboación e facer que Touro chegue outra vez aos 5.000 habitantes.
Hoxe o que fixo o PP foi presentar unha moción de censura apoiado por esa persoa vulnerable, un rapaz chamado Darío, un rapaz que teñen ben “atado” para que faga todo o que eles queren nos dous anos que queden de lexislatura. E o que quere o PP non é obviamente abrir unha Comisión de control, para supervisar os trámites do proxecto mineiro de S. Rafael.
Hoxe o PP xogou moi baixo, converteu unha vez máis a política nunha partida de cartas ou algo peor, nun cambio que coa lei na man é legal pero que claramente non respecta os valores democráticos. Hoxe alterouse a vontade democrática dos veciños, que votaron maioritariamente para ter un goberno municipal diferente, do progreso e consenso e que traballase nunha alternativa á mina de Touro, e agora terán unha volta ao pasado, todo o contrario do que votou a maioría da veciñanza.