Artigo de Maxi Vázquez (Portavoz do PG)
Non é o meu ánimo analizar neste escrito de xeito estatístico o grao de pertenencia ou de afinidade cara Galicia ou España da cidadanía galega, senón dar reflexo sobre superficie plana do que se nos presenta sobre superficies cóncavas ou convexas.
O vindeiro 4 de Maio celébranse eleccións anticipadas á Comunidade de Madrid, tampouco teño o ánimo de dar unha análise política ex ante do futurible resultado, resultado do que xa a diario nos están a falar todos os medios de comunicación do Estado interpretando enquisas propias ou alleas.
O obxecto deste artigo é pór en relieve algo que se percibe dende Madrid cara o exterior e bilateralmente dende o exterior cara Madrid, a asimilación racial, cultural, económica e social de toda España en Madrid. Ben certo é que en Madrid conviven xentes procedentes de toda a xeografía peninsular, pero non por iso é menos certo que cada pobo da península goza e desfruta dunha cultura propia, dunha idiosincrasia de seu e en boa medida dunha economía acaída a súa propia estrutura económica e aos seus propios recursos materiais e inmaterias. Simplificar ou facer unha especie de mínimo común múltiplo da pel de touro antóllase canto menos pretencioso, e pouco aconsellable se o que se pretende é a busca do equilibrio interterritorial, a posta en valor das distintas potencialidades e capacidades ou simplemente a defensa cultural de España coma un todo.
Pois non, Madrid non é toda España, aínda que Madrid se sitúe nela, a configuración actual de España engloba territorios, provincias, comunidades autónomas, ciudades autónomas… Engloba culturas propias, idiomas propios, recursos naturais propios, climas propios e incluso reximes fiscais propios que en casos coma o de Galicia dista moito do “dumping fiscal” practicado na capital do reino. Facer ver que a campaña electoral de Madrid, da que ninguén dubida do seu interese, será reflexo da situación política globlal de España (basta dar un vistazo á composición dos distintos parlamentos autonómicos) é un erro conceptual no mellor dos casos e malintencionado no peor deles.
Para os millóns de persoas que decidimos traballar e empregar as nosas aptitudes e capacidades alí onde nacemos, co único fin de vivir e deixar vivir, esiximos que non nos infravaloren, así como nós non infravaloramos, sabendo que a convivencia e o entendemento xurden do respecto entre os iguais e non de posicións altivas ou supremacistas.