O PARTIDO GALEGO DENUNCIA A ESTAFA DA AP9 CARA A GALICIA
A configuración central do Estado deseñouse cunha estrutura radial de autovías de balde que comunican Madrid co mundo e Madrid consigo mesma.
Para completar a rede viaria de alta capacidade, construíronse unha serie de autovías que bordean todo o perímetro da España peninsular. E todas elas de uso gratuíto. Todas? Non! Unha nación poboada por irredutibles galegos resiste, aínda e coma sempre, ás peaxes. Porque o único tramo con peaxes de rede viaria de alta capacidade que bordea a España peninsular é a AP9.
Non contentos con iso, unha vez que finaliza a concesión, prorrógase polo goberno de Aznar. Prórroga que, agora xa está confirmado, foi ilegal, e pola que España deberá pagar unha multa de 7,5 millóns de € á Unión Europea. Iso si, unha multa irrisoria con respecto do ingresado pola concesionaria que so no primeiro semestre do ano 2023 superou os 36 millóns de € . E unha multa que, lonxe de beneficiar aos galegos, aínda os prexudica, pois non repercute no noso territorio agás para reducir a capacidade de investimento do Estado.
Por se non fose suficiente, o goberno de Mariano Rajoy tamén prorrogou a concesión da AP9. Esta vez, cando estaba nun goberno en funcións. Tamén isto está denunciado en Europa, que parece defender máis os intereses dos galegos que os gobernos de España.
Para completar a infamia, sistematicamente os gobernos do Estado, tanto populares coma socialistas, néganse a transferir a AP9 á Comunidade Autónoma galega. E iso que no Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu art. 27, no apartado 8, di que será competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia a competencia sobre ferrocarrís e estradas non incorporadas á rede do Estado e cuxo itinerario se desenvolva integramente no territorio da Comunidade Autónoma.
Compre mencionar que a lexislatura 2019-2023 non foi aproveitada polo Bloque no Congreso, toda vez que o seu voto foi transcendental para a maioría das votacións. Unha oportunidade perdida.
É dicir, coa AP9 o Reino de España discrimina a Galicia dende o momento que cobra peaxes mentres o resto de redes viarias das mesmas características no resto de España son de balde. Volvemos estar discriminados unha vez que, rematado o prazo de concesión da autoestrada, o prorroga ilegalmente. E rematan a infamia de tal discriminación negándose sistematicamente a transferir a Galicia unha competencia que, nada máis e nada menos que unha Lei Orgánica como é o noso Estatuto de Autonomía, declara como unha competencia exclusiva de Galicia.
Pero… é isto tan importante? Para Galicia a AP9 é fundamental para vertebrar a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. A AP9 é que nos une con Portugal, coa Autovía do Cantábrico e, por ende, co resto de Europa. A AP9 fai que sexamos zona de paso, a que nos converte en situación estratéxica. É doado de ver: dende a súa construción o maior medre económico de Galicia está na costa. Como tamén o sería o ferrocarril nas mesmas condicións. Por iso dende o Estado levan anos bloqueándoo e propoñendo de Portugal por Madrid ou, como mal menor, por Salamanca, excluíndo a Galicia .
Coa AP9 ou co ferrocarril que nos una con Portugal e Francia non estamos a falar so de diñeiro, estamos a falar de proxectos estratéxicos para ser competitivos no presente e futuro. Mentres o diñeiro vaia para Audasa que é propiedade do grupo Itínere con sede en Bilbao e controlada por fondos de investimento estranxeiros que se reparten os beneficios, para Galicia queda pagar, e pagar como nunca ninguén e de xeito tan inxusto no Estado español así o fixo.
Hai outras autopistas que tamén son de peaxe (moi poucas por certo), pero ningunha é tan vital para as Autonomías por onde transcorren como esta en e para Galicia
Galicia aínda está orfa da representación do Partido Galego no Parlamento. O galeguismo tan sentido e entendido, é necesario que acade cotas similares de representación aos sentimentos de País dos pobos vasco e catalán, so así evitaremos a actual discriminación.