Galicia Rexorde. Respecto para o Galego na Cámara Baixa

Debemos deixar atrás o período de apoucamento idiomático e abrazar con orgullo a nosa lingua.

Traballaremos para pasar da confrontación lingüística á colaboración e valoración das linguas.

 O 23 de xuño de 2022, debateuse unha proposta para o uso das linguas oficiais no Congreso dos deputados, esta proposta de modificación do Regulamento da Cámara foi rexeitada polos partidos reducionistas. Dende o Partido Galego consideramos esa posición un erro total, pois algo similar vense aplicando no Senado dende o ano 2011.

Recoñecemos que a proposta de Sumar reavivou o debate sobre o uso das linguas cooficiais do Estado, para que estas poidan ser usadas no Congreso. Creemos que esta é, cando menos unha excelente oportunidade para facernos valer e avanzar na normalización, concedéndolle carácter legal ao que xa é un aspecto natural.

Apostamos por que o Congreso siga os exemplos do Parlamento Europeo onde se falan 24 linguas con total normalidade. Queremos sinalar ademais que algúns partidos que se opoñen a norma de respecto e uso das linguas cooficiais na Cámara Baixa, non o fan ao uso das linguas cooficiais no Parlamento Europeo; esta incoherencia só se pode explicar por unha rivalidade cos diferentes pobos do Estado, ou por falta de reflexión e conciencia do respecto que todos nos merecemos.

No Partido Galego facemos público a necesaria implicación da defensa do idioma sexa abandeirada sempre pola Xunta de Galicia, facemos por tanto un chamamento á defensa da nosa lingua por parte de todos os parlamentarios escollidos dende Galicia e que desenvolven a súa actividade política no Parlamento Español, e neste caso debería haber unha posición común previa no Parlamento Galego para regular o uso da nosa lingua no Congreso dos Deputados.

É por este motivo polo que vimos de rexistrar unha iniciativa na que instamos aos tres partidos con representación no Parlamento Galego, a que adopten un acordo común, instando ao novo goberno do Estado a que no prazo dun ano faga efectiva a modificación do Regulamento da cámara parlamentaria so estilo do xa feito no 2011 no Senado.

Proposta rexistrada no Parlamento Galego (para poder descargar)