O Partido Galego felicita ás compoñentes da equipa feminina de fútbol español pola fazaña de proclamarse campioas do mundo de fútbol.
É moi importante este éxito para o deporte español, para as mulleres, para toda a sociedade e sobre todo para as mozas que xa non teñen que fixarse soamente nos homes como referentes no balón pé, tamén agora teñen a estas grandes futbolistas.
O Partido Galego felicítase de que entre as grandes deportistas españolas neste mundial estea a galega Teresa Abelleira, que foi unha das deportistas máis salientables no mundial de Australia.
As rapazas galegas terán en Teresa Abelleira unha referente, como xa era anteriormente Vero Boquete, que non tivo a sorte de estar nun éxito colectivo como o de acadar un mundial de fútbol, pero que formou parte tamén da selección de España, levando o nome de Galicia polo mundo xa fai varios anos, cando poucas persoas falaban de fútbol feminino en Galicia e en España.
Felicitamos dende o Partido Galego a grande actuación de Teresa Abelleira e ogallá en tempos futuros e próximos teñamos moitas “teres abelleiras”.
O Partido Galego, condena a actuación en Australia do Sr. Rubiales, presidente da Federación Española de Fútbol, pois os seus xestos e actos repulsivos, foron máis “portada” nos medios de comunicación en todo mundo, que o éxito colectivo do fútbol feminino español. Unha mágoa!!!!.
Polos seus feitos, este directivo, descualifícase para seguir representando ao deporte español.
O Partido Galego defende contundentemente os valores da ética, do respecto e da educación. O deporte, está para unir, para celebrar e non para estes xestos infames.
Dado o conflito que se está a reproducir nos medios, provocado pola controversia dos actos do presidente da RFEF, é de esperar un prolongado debate desvirtuando máis o éxito do equipo gañador.
Apostamos por facer cumprir os regulamentos aplicables con celeridade, pero tamén facemos un chamamento aos partidos que gobernaron (e gobernan) de forma alterna en Madrid, para que promovan unha “limpeza” a fondo nos tramados supostamente corruptos que rodean ao fútbol de elite.
A Executiva Nacional
Agosto de 2023