ESPAÑA E O SEU PROBLEMA HISTÓRICO.
España, dende o século XIX, cando deixou de ser un imperio, nunca foi capaz de construír un proxecto político en consonancia coa súa realidade plurinacional. Tal fracaso, non só marcou o seu futuro conflitivo dende o século XIX senón que tamén, lle impediu aproveitar todo o seu potencial dende o establecemento dun Estado federal que como nos di o profesor Villacañas, sería o máis caído a un país post imperial, e xa que logo, diverso na súa configuración territorial .
Se esta foi unha imposibilidade frustrada, o devandito Estado tamén sería incapaz de construír unha nación homoxénea ao estilo de Francia. E todo elo daría lugar a que a Institución monárquica quedara como único referente para facer medianamente viable o devandito Estado post imperial.
En tales circunstancias e na contorna desta institución foise formando, á marxe da auténtica realidade do país, un proxecto dominante liderado por unha elites tradicionais e ultra conservadoras, que acabarían consolidándose, con algunha variante, ao longo da ditadura franquista e formando o núcleo fundamental das dereitas actuais .
Estamos a falar dunha elites oligárquicas que a cotío buscaron a súa lexitimación identificando os seus particulares intereses cos xerais do país. Pero tal proxecto impostor, nunca deixou de ser o froito dunha alianza allea ás auténticas necesidades e intereses da España real .
Estamos, xa que logo, diante dunha oligarquía endogámica que se foi reproducindo na contorna do poder político para chegar ata hoxe perseguindo o mesmo obxectivo de sempre: parasitar e instrumentalizar o Estado no seu particular beneficio.
E, como consecuencia de tal anomalía, sempre que sentiron perigar os seus privilexios, ou ben se inventaron un inimigo da “unidade da patria” como cabuxo expiatorio para derivar a atención dos verdadeiros responsables dos males do país, ou, no peor dos casos, provocaron unha guerra civil como a do 36.
Esta oligarquía enraizada na historia de España, sempre se sentiu a auténtica dona do país, o que supuxo un enorme atranco para a construción dun proxecto de Estado autenticamente democrático capaz de aglutinar a todo aquel territorio que a devandita oligarquía chama periferia e no que todo o país se puidera sentir representado
Mentres isto non se produza, España será un país inconcluso, a medio facer, e xa que logo, sen un obxectivo común que dea sentido a todo o país.
SANTIAGO FERNÁNDEZ ROCHA
Exerceu de Concelleiro_Portavoz na Corporación Municipal de Lugo