DA MIÑA TERRA

DA MIÑA TERRA

Da miña terra un cantar sempre eu escoito;

da miña terra  un sentir levo comigo;

da miña terra  un falar doce e meloso,

da miña terra falareiche meu amigo.

Da miña terras as muiñeiras e foliadas,

da miña terra  o alalá doce e sentido,

da miña terra un aturuxo belido,

cantareille a  miña terra

meu amigo.

 

Os versos do inicio amosan o sentir de moitos galegos que, tendo  ideoloxía distintas,  senten unha atracción case telúrica pola terra que os viu nacer. E polo tanto  conservan un punto de galeguidade que sigue moi  vivo a día de hoxe. Polo que abrazan  ese sentimento, como se fora unha tradición. E  o vinte e cinco de xullo en toda Galicia, e  en especial en  Compostela,  todo é festa. Por un lado a  oficialidade réndelle pleitesía a Santiago como padroeiro das Españas. Mentres no Panteón de Galegos ilustres en Bonaval os bos e xenerosos lévanlle  flores a tumba de Rosalía, Castelao e outros,  e falan desa Galicia irredenta que busca manter a súa personalidade política e reivindicativa.  E pola   rúas da capital galega milleiros de persoas  axitan bandeiras  berrando Galicia nación dentro dun estado diverso,  plurinacional  e descentralizado.

O sentimento galego mesturado coas festas patronais exprésase neste noroeste da península;  e  a  musica da terra escoitase con forza nos milleiros de  xantares e actos que se organizan. Esta cerimonia da manifestación do galeguismo e do nacionalismo galego  tomou forza dende a chegada da democracia. E como se fose un ritual de sempre,  na praza da Quintana,  lanza as súas arengas e proclamas  onde,  o sentimento aflora  coa forza e  o cariño de todos os presentes que aman a terra que os viu nacer.

Este ano, polos avatares da política, o día da patria,  ou nacional galego,   coincidiu despois da convocatoria electoral de 23  de xullo.  Polo que ese  25 X ademais dunha festa,  foi un  tempo pra análise dos resultados electorais  que servitán pra  os catro anos da lexislatura. Ademais tamén  servirán  pra encarar ás eleccións galegas con certas esperanzas de que na  Xunta haxa un troco e as forzas progresistas volvan a San Caetano.

O cariño pola terra e a paixón non son as únicas ferramentas pra poder gobernar o país.  Pois,  como se ten demostrado en máis convocatorias electorais,  hai sectores ós que o nacionalismo é incapaz de chegar. E ese feito  debera ser analisado pra tomar medidas. Son moitos anos seguidos e mandatos repetíndose resultados,  onde o actual nacionalismo non é capaz de mellorar e gobernar en san Caetano.  Os posicionamentos políticos, algunhas compañías partidarias  que nada aportan, votacións ideolóxicas contrarias ó progreso social,  o atamento a organizacións sindicais, e outras cousas  parecen ser o freo e a barreira a superar que impide trocar o rumbo electoral nesta  terra de Breogan. Moito hai que traballar   si se quere  rachar ise teito electoral que se ven  repetindo dende hai anos    Na política o amor pola terra expresado en verbas,  como ás que encabezan o texto,   eé bó, maios non chega pra rachar barreiras  e mellorar resultados. Falta algo máis.

A xente galega non é arredista nin busca confrontamentos  con outras partes do Estado. A xente galega quere un galeguismo, ou se o prefiren un nacionalismo,  que supere o frentismo e que sexa efectivo pra acadar melloras políticas que redunden en beneficio desta terra. E pra iso compre facer unha lectura sosegada e realista  do que acontece e precisa este pais. As lecturas ideolóxicas non valen, pois soio arredan e enfrontan. Copiar modelos fracasados de países que nada significan na orde mundial é tanto como perder o tempo e creo que eso  está repetidamente demostrado.

Polo que Galicia, despois dos anos de democracia, precisa unha forza política moderna, europeista e proguesista que, sin superar os límites da socialdemocracia,   acade metas sociais e políticas que hoxe  están  lonxe de acadar.

E como o  nacionalismo actual non é capaz de  virar cara ise camiño, chegou ó momento de traballar paseniño e sen pausa dende o Partido Galego pra ir tecendo esa forza que cubra un espazo que hoxe está ceibe, e que é o viveiro de votos  para as forzas como o PP. Ignorar esa realidade é tanto como condenar a Galicia a un goberno no que os partidos centralistas mandarán  sempre. E xa se sabe, os partidos con seu centro executivo  na capital do reino, teñen  como obxectivo a homoxenización  de Galicia co resto do Estado e a perda da nosa personalidade, lingua e cultura, sumándolle a maiores  perda  das nosas grandes  fontes de enerxía  que siguen a seren gobernadas por intereses alleos á Galicia  e que non revirten na xente desta nosa terra.

Condenar ós galegos á resistencia e a ser  sempre oposición é tanto como conformarse en ser muleta dos que nos  marcan o camiño. Por eso  a política galega, ademais de ter cariño e amor pola  terra, precisa pracmatismo e facer un proxecto partidario que ilusione á maioría social dos  galegos. Un proxecto que  implique participar nos gobernos e sacarlle os mellores réditos pra esta terra. Pois a política do non a todo é unha perda de tempo que xoga contra todos os  que cremos nas potencialidades culturais, creativas e económicas desta Galicia.

En fin, o vintecinco de xullo,  é o día grande desta Galicia que existe e que quere seguir tendo personalidade de  seu dentro do actual Estado. Por eso:  da miña terra un cantar sempre eu escoito. Da miña terra falareiche meu amigo. Traballemos  pola nosa terra pra que esa forza política galega sen ataduras medre,  avance e loite  por unha Galicia dona do seu destino.

Manuel  Herminio Iglesias.

Xullo de 2023