A.C. Pereira-Menaut | Compostela | 18/12/2020
A covid, dende logo, é un inmenso incordio para todos. Pero, como todo, ten as súas cousas boas; neste caso, dúas.
A primeira é que amosou irrefutablemente que España non é homoxénea nin uniforme. A típica pretensión dos españolistas —que España é toda básicamente igual, e que as diferencias territoriais son pretensións artificiosas fabricadas polas élites periféricas—, xa non se pode decir en voz alta e en serio.
Engádase que a pandemia fixo que, cando Galicia estaba sensiblemente millor que Madrid, máis de un españolista intelixente, dixera: “Mira, por si acaso, deja a la autonomía de Galicia en paz”. O virus deixou claro que a existencia de competencias autonómicas e de políticas propias, non é nada malo en sí. Hoxe, en España, poucos se propoñen seriamente suprimir as autonomías, entre outras cousas porque, según todos os indicios, parece que terían que pasar por riba do cadáver da Presidenta autonómica madrileña. Así que as comunidades autónomas están aquí para quedarse, e Galicia, no conxunto xeral, fixo un papel ben decente, a pesar de estar gobernada por un político gris e nada simpatizante coa idea da autonomía.
A segunda é que, gracias á covid e á claridade coa que fala precisamente Isabel Ayuso, aprendimos que Madrid é distinta e quere un trato distinto, e mesmo está a segregar unha especie de nacionalismo madrileño (por así chamarlle), que absorbe ó nacionalismo español e identifícase con él. Nada que obxectar; eu respeto a súa libertade e agradézcolle moito a súa claridade. Pero, claro, Madrid e España, a partir de agora, xa non poderán máis manter a ficción de que existe un ben común español claro e identificable ao que todos se deben sacrificar, e que Madrid, o goberno central, e máis o chamado “Palco do Bernabeu”, buscan honradamente ese ben común de todos e miran por todos por igual. Pregunten na España baleirada.
Polo tanto, e para frear a aspiradora centralista que xa absorbe perto do 20 por cento do PIB e o 13 por cento da poboación; que arrampla con todo, dende a xente nova ata bancos, precisamos un proxecto político aberto a todos os galegos que concorden na necesidade de garantir para Galicia un mínimo de autogoberno sustancial con algo de contido real, capacidade de decisión, de relación directa co Norte de Portugal e de acceso directo a Europa.
Ten que ser un proxecto aberto a esquerda (ainda que pouca queda), centro e dereita; aos que sexan partidarios da autonomía (tomada en serio), do federalismo, da confederación, ou da independencia en Europa. Auto-excluiríanse só os centralistas encirrados e os independentistas violentos (que, aquí, case non hai). Se non existe, ou non se busca, un ben español común a todos, teremos que mirar por nós, teremos que ter un mínimo de competencias serias (xa que o covid amosou que ter competencias non é nada malo) e frear o baleiramento e a absorción pola aspiradora ou “buraco negro” de Madrid. Por nós, polos nosos fillos e polos nosos netos. Ou sexa, por Galicia.