O Partido Galego honra a Alexandre Bóveda no Día da Galicia Mártir
- Paco Villanueva destacou o papel de Bóveda como político e economista.
- Suso Ares chamou a facer política para “Galicia e o benestar da súa xente”.
17 de agosto de 2025. – Este domingo o Partido Galego celebrou unha serie de actos con motivo do Día da Galicia Mártir, que ten lugar coincidindo co aniversario do asasinato do galeguista Alexandre Bóveda. As localidades pontevedresas de Poio, Pontevedra, Marín e Bueu acolleron os diferentes eventos.
Intervención do Presidente
Na Caeira, Poio, realizouse unha ofrenda floral. Alí, o presidente do Partido Galego, Paco Villanueva, lembrou que se fixeron 89 anos do fusilamento de Bóveda e que en decembro de 2024 o Goberno Estatal declarou ilegal e ilexítimo o tribunal que xulgou ao nacionalista e ilegal e nula a sentencia que o condenou. “É pouco”, asegurou, “pero esta pequena reparación deixa claras as políticas e accións dos franquistas”. Tamén criticou á Xunta de Galicia por non reparar “ese vil asasinato” e, ademais, “poñerse de lado”.


En canto a Bóveda, Paco Villanueva resaltou que foi “un Galeguista, un demócrata que deu a vida por Galicia” e destacou o seu “extraordinario” labor como político e economista, pois “traballou sempre ao servizo dunha Galicia máis próspera” e “non se resignou ante o centralismo español”.

Lembrou o seu papel como redactor do Estatuto de Autonomía de 1936, que nunca chegou a entrar en vigor debido ao golpe franquista dese mesmo ano.

“Nos seus estudos económicos deixaba patente a riqueza de Galicia e as súas capacidades, e explicaba como os repartos económicos do Estado non eran xustos coa nosa terra”, engadiu. Para concluír manifestou que “persoeiros como Bóveda aínda seguen sendo necesarios para acadar un país máis próspero e ver un horizonte con Galicia dona de seu”.
_________________
Tras isto, trasladáronse ata o cemiterio de San Amaro, en Pontevedra, onde se realizou outra ofrenda floral. Alí, o Coordinador Xeral, Suso Ares, destacou que a de Bóveda foi unha das figuras máis relevantes do galeguismo político da primeira metade do século XX e que “o seu pensamento encaixa na liña política que representa o Partido Galego”.

Falou da importancia de “convencer á poboación de Galicia da necesidade dun partido de centro”, pois “vivimos nun tempo no que a nosa Terra precisa serenidade, sentido práctico e esperanza” e iso só se consegue desde “o encontro que une”.
“Non precisamos discursos cheos de odio, senón propostas que garantan xustiza social, progreso económico e respecto pola nosa identidade”, asegurou antes de detallar que “a nosa é unha proposta de centro humanista, tradicionalista é galeguista”.
Intervención do Coordinador Xeral
Lembrou que o Partido Galego “ten por guía as necesidades reais do noso país”, defende “os dereitos do rural, do mar, da pequena e mediana empresa, da industria, autónomos e traballadores” e quere “unha Galicia moderna, que aposte polo desenvolvemento tecnolóxico, dentro dunha economía circular que busque o equilibrio medioambiental, e que chegue a ocupar o lugar central que lle corresponde entre Europa e América”.
Incidiu na necesidade de que exista “unha Galicia que fale a súa lingua con dignidade e que promova o desenvolvemento do Estatuto como ferramenta de futuro”, amais de que “saiba dialogar co resto de España desde a igualdade, sen servilismos nin imposicións”.
“O centro galeguista é isto: harmonía entre tradición e progreso, entre liberdade e responsabilidade, entre o amor á Terra e a apertura ao mundo”, afirmou, e concluíu pedindo que “Galicia e o benestar da súa xente, sexan o noso programa”.
Acto da Fundación Alexandre Bóveda
Ao remate, regresaron á Caeira, Poio, para asistir ao acto de homenaxe oficial da Fundación Alexandre Bóveda. Tras un xantar de confraternidade en Marín, os membros do Partido Galego trasladáronse a capela de San Amaro de Pontevedra a participar no acto litúrxico na honra de Alexandre Bóveda.
