Agradecemento ás 5.604 persoas que apoiaron a candidatura do PG

Dende o Consello Nacional, trasládase as felicitacións para todo o equipo de campaña, tanto pola labor feita como polo resultado acadado.
 
Sendo conscientes dos medios e estrutura orgánica actual do partido, a satisfacción foi xeneralizada polo apoio acadado destes milleiros de votantes.
 
A maquinaria publicitaria doutros partidos, a campaña do bipartidismo estatal, a apelación ao “voto útil”, e o pouco coñecemento da marca electoral “Partido Galego” foron elementos adversos, que se conseguiron superar en moitos concellos.
 
Tanto a candidata Olga Dourado, como o Secretario Xeral Miguel Míguez, recoñecen que tivemos concellos con resultados excepcionais polas porcentaxes de voto acadado, e que en xeral foron uns resultados que non nos colleron de sorpresa, e que os votantes que nos seguiron foi por total convicción, onde demostraron que o importante é o valor do voto e o sentimento galeguista que o impulsa, máis alá de acadar ou non representación como foi nesta ocasión.
 
A militancia como é de rigor terá coñecemento do Informe Electoral que se aprobará na primeira reunión do Consello Nacional e que terá lugar nos vindeiros días. A implicación, os apoios, as estratexias os obxectivos e o valor do feito histórico de termos presentado a primeira candidatura 100% galega por un partido netamente galego, son un aval da capacidade do PG e das persoas que o forman ao longo de moitos concellos de Galicia e xa con apoio na emigración.
 
Parabéns as 5.604 persoas que confiaron o seu voto ao Partido Galego.
 
Non vos imos defraudar, porque seguiremos ao pé do canón.
 
Santiago, 10 de xuño de 2024
 
O Consello Nacional