A fin do galeguismo no PP

HAI ALGO MÁIS de mes e medio o alcalde de Ferrol, os presidentes das Deputacións de Ourense e Pontevedra e o voceiro do PPdeG no Parlamento refugaban asinar a carta aos Estados Membros da Unión Europea subscrita polos demáis voceiros e presidentes das Deputacións galegas, alcaldes das principais cidades do País, reitores das tres Universidades galegas e representantes legais dos sindicatos todos e das principais institucións culturais reclamando a aprobación na UE do galego como lingua oficial. De certo tivo de ser un día triste para todas as persoas que, como Xesús Palmou, o antigo voceiro Pedro Puy ou o conselleiro Román Rodríguez acreditan na Galicia como país de noso e no PPdeG como solución política ás nosas realidades xurdida dese mesmo país.

Malia que a liquidación do galeguismo no PPdeG comeza co acoso e derrubo de Xosé Cuíña e a súa substitución na Xunta por Núñez Feijóo (2003) e segue coa elección deste como sucesor de Manuel Fraga (2006), a apelación ao galeguismo e ao autonomismo continuou durante os gobernos de Feijóo, malia que desnaturalizada polas súas políticas dirixidas a reducir a presenza da nosa língua na escola e na sociedade e, tamén a reducir o noso autogoberno. Nos quince anos de gobernos de Feijóo e Rueda non se acadou ningún traspaso novo de medios e servizos. Sinxelamente porque non se quixeron acadar.

Porén, arestora o PP de G non ten instrumento ningún mesmo nin para amortecer esa liña dura centralista e refractaria á nosa lingua e ao noso autogoberno que asumiu Núñez Feijóo ao ditado de Díaz Ayuso e de Santiago Abascal, que é quen lle está a impor ao PP a súa axenda trumpista e extremista. Velaí esa precampaña na que tentan exportar o ruído e a polarización da política madrileña, afastando o foco dos nosos problemas e solucións.

  É evidente, pois, o seguidismo de Rueda e da organización do PPdeG (incluída a domesticada organización ourensana) a respecto das necesidades do liderado persoal de Núñez Feijóo. Outravolta escolle o até de agora presidente a imaxe coa líder españolista Rosa Díaz da manifestación contra a língua galega (febreiro de 2009) no canto da súa obriga estatutaria de defender o país e á súa língua propia.

Que o PPdeG decidise porse en contra da oficialidade do galego no Congreso e na UE non ten xa volta nin permite trasacordo. Se algunha vez existiu unha dereita galega, un PP galego, hoxendía xa non existe tal

                                                                  Xoán Antón Pérez Lema