A xornada do Día Nacional de Galicia, estivo marcada polas novas incorporacións ao Partido Galego (PG)
Seguimos sumando agrupacións e candidaturas electorais.
Este foi un día grande en todos os sentidos, grande porque nos permitiu un encontro de carácter nacional onde nos demos cita xentes dos diferentes territorios galegos, e día grande de Galicia pola festividade que honra o noso carácter de nacionalidade histórica. Día de honrar aos nosos devanceiros que ao longo de centos de anos foron forxando a Galicia consciente de si mesma, ese foi o motivo da homenaxe celebrada no Panteón de Galegos Ilustres.

En este acto tivemos música tradicional que nos agasallou un grupo de músicos amigos do partido e a intervención de Aarón Pousada de Lalín, un mozo que representa de forma brillante a mocidade do PG e que nos debullou un percorrido pola historia de Galicia e a importancia do traballo realizado polos ilustres devanceiros que descansan no panteón de San Domingos de Bonaval.
Foi o Secretario Xeral Anxo Franco, quen rematou as intervencións, facendo un alegato para reorganizarse politicamente e reforzar o proxecto político do PG que tanto necesita Galicia, pois somos o partido que mellor se parece as súas xentes.

E para rematar e antes de cantar o himno galego, depositouse o tradicional ramo de flores na tumba de Castelao, honrando así a un dos mellores símbolos da Patria Galega.

Este ano tivemos unha sección de lecer dedicada ao humor, a cargo do humorista Pablo Alvite. Esta actividade perseguiu entreter e facer ameno o conxunto da xornada, humanizando a política.

Rematamos a xornada cun xantar de confraternidade.

Nun ambiente distendido de irmandade, interviron o Coordinador Xeral, Suso Ares, que relatou a evolución do Partido nos últimos anos, fixo unha comparativa a un ano das Municipais coa situación das anteriores, citando as necesarias estratexias organizativas e de suma de referentes e grupos que poden presentarse as eleccións con ou vinculados ao PG co obxectivo de construír o gran partido galego sobre os cimentos das agrupacións e candidaturas municipais.

Posteriormente a senadora do PNV Mª Dolores Etxano, puxo en valor os vínculos históricos que unen a Galicia e Euskadi, compartindo unha convicción: o autogoberno, que é unha aspiración histórica dos nosos pobos e a mellor ferramenta para construír benestar, fortalecer a cohesión social e xerar oportunidades para a cidadanía, dende o diálogo, a bilateralidade política e a coorperación. Declarou “hoxe quero sumarme á celebración dun pobo que afirma con orgullo a súa identidade e o seu futuro. ¡Viva a Patria Galega! Gora Euskadi!

Rematou as intervencións o Secretario Xeral, Anxo Franco, que incidiu nos valores que hai que preservar na sociedade galega, comezando polos máis básicos, como a democracia e a liberdade, hoxe en día en perigo a nivel mundial. Continuou defendendo os valores básicos da identidade e nacionalidade galega, fronte a un discurso recentralizador cada vez máis forte en España. Rematou poñendo en valor os principios básicos da liña política do Partido Galego: o humanismo e a política ao servizo das persoas.
