17 de Maio, Día das Letras Galegas
Un ano máis celebramos este día, conscientes da súa relevancia, do que nos xogamos como pobo, de como nos afecta na vida diaria que se perda o uso da fala, e como nos pode afectar moito máis se non poñemos remedio a tempo.
Por este motivo, redobramos esforzos a respecto de anos anteriores e levamos a cabo unha Xornada de participación e divulgación.
Neste ano 2025, a celebración do 17 de maio está marcada pola relevancia de dous motivos-causas sociais; por unha banda o retroceso de galegofalantes nas novas xeracións (influenciadas en negativo para o uso do noso idioma) e na poboación inmigrante onde (maioritariamente non lle interesa a nosa lingua), levan a poñernos en alerta vermella sobre como preservar un dos principais valores da nosa identidade, e por outro a celebración da efeméride do 17M dedicado ás pandereteiras, como garantes da nosa cultura e por suposto do noso idioma.
Participamos na mobilización nacional en Santiago, convocada pola Plataforma Queremos Galego, co obxectivo de poñer de manifesto a situación actual do noso idioma.

Ao tempo dende unha carpa instalada na zona vella de Santiago, levouse a cabo unha acción divulgativa dos principios do Partido Galego, nos que obviamente se recolle o noso total compromiso coa lingua, alertando e propoñendo que a máxima responsabilidade por obriga estatutaria, por representación institucional, por ser o goberno do País, debe a Xunta asumir e sentirse totalmente responsable, como garante da súa protección, da súa preservación a través do ensino, da súa difusión a través dos múltiples medios que dispón, da súa estima e orgullo necesarios para que se use de forma natural e de forma indefinida por este pobo, consciente do que significa e da súa valía como elemento identificativo, recurso de distinción, calidade e responsabilidade que supón para un pobo como nós con un espazo no mundo, tamén como valoración, respecto e honra aos nosos devanceiros que tanto lles custou conservala incluso en tempos convulsos (período de ditadura) nos que eran ameazados polo simple feito fe falar galego.

Rematou a Xornada con un xantar de confraternidade galeguista, pero tamén un xantar de homenaxe propio ao 5º aniversario do nacemento do Partido Galego, que tal día como este do ano 2020 foi rexistrado en notaría.
O bo ambiente e o ánimo entre a militancia e simpatizantes do PG marcou toda a xornada, onde se conseguiron os retos marcados, incluso coa fichaxe dalgúns novos simpatizantes e colaboradores. Ademais reafirmamos na celebración desta data como un día referente a nivel orgánico, que aproveitaremos para ampliar en actividade con colaboracións significadas, proxección de novos retos e compartir experiencias sobre todo naqueles concellos nos que temos representación e responsabilidade de goberno municipal, en definitiva un xantar para compartir e gozar da política útil, das boas amizades e da nosa gastronomía.