TARIFA ELÉCTRICA GALEGA

TARIFA ELÉCTRICA GALEGA.

.-O pasado día 20 de xaneiro de 2021, o Partido Galego subiu a súa web e reproduciu nas súas redes sociais a necesidade “imperiosa” de poñer en vigor tres medidas urxentes para frear a alza continúa e continuada do prezo do subministro eléctrico, tanto para particulares como para empresas. Ditas medidas eran as seguintes:

  • Tarifa Eléctrica Galega: que adecúe o seu custo real aos centros de produción da mesma, que elimine as peaxes do seu transporte e que retribúa ao territorio onde a súa obtención provoca un grande impacto demográfico, económico e medio ambiental.
  • Regulamento da enerxía: que evite prácticas especulativas debedoras da propia estrutura do sector, un sector que constitúe un claro exemplo de oligopolio perfecto onde a libre competencia entre empresas é real na teoría pero non de facto. Onde os organismos reguladores (Red Eléctrica, CNMC…) dispoñan dos mecanismos necesarios, amparados na lexislación vixente, para evitar prácticas que en última instancia redundan nun incremento do custo para o consumidor final e nunha merma de competitividade para o tecido empresarial e industrial do país.
  • Redución do IVE do 21% ao 6%: Máis preto do gravame doutros países europeos da nosa contorna, a boa fe de que o subministro eléctrico é un ben de primeira necesidade sobre o que non cabe a aplicación dun imposto indirecto similar ao aplicado a bens como ao tabaco.

Pasados sete meses dende a publicación do noso “post”, a situación, lonxe de mellorar, deteriorouse ostensiblemente, sendo o incremento da factura eléctrica exponencial. Como corolario só nos queda demandar enerxicamente ao partido gobernante en Galicia a adopción de medidas precisas e duradeiras para garantir un prezo razoable do subministro eléctrico en relación ao poder adquisitivo real dos galegos e a súa condición de país excedentario na produción eléctrica, polo que vemos perentoria a necesidade da creación dunha Tarifa Eléctrica Galega. Proposta da que tamén se fixo eco o BNG e sobre a que dende a transversalidade do Partido Galego e a súa vocación de servizo ao País, estaremos con este, ou con calquera outro partido, sempre, en disposición colaborativa.

En relación ao Regulamento da enerxía, estamos a asistir atónitos, primeiro, como cidadáns e logo, como integrantes nun partido político, a como un sector pode permitirse a valentía de “chantaxear” ao goberno central en tanto en canto este fala de “regular” o que interpretan como “intervir”, namentres todos os convenios, negociacións de tarifa, uso e disfrute de recursos naturais, amortizacións de instalación, etc. Se entendería fóra dunha economía de libre mercado como prácticas propias de países colonizados, bolivarianos ou de corte comunista. Por iso, máis que nunca, pedimos o que nós estaríamos dispostos a ofrecer, un pacto da amplo espectro político para regular o sector enerxético e en consecuencia pór límites e limitacións ás empresas que actúan nel.

Por último, e en relación á redución do IVE, dende o pasado mes de xuño este tivo unha rebaixa pasando do 21 ao 10% o que si ben redundou nunha redución de ingresos por parte da administración recadadora, non tivo o menor efecto nos petos dos cidadáns xa que a tarifa base acadou e segue acadando máximo tras máximo. Porén, seguimos vendo acaída unha nova redución do IVE en termos semellantes aos nosos países veciños, máis como unha medida paliativa que como unha medida de calado para resolver o que a día de hoxe é un dos maiores problemas para a cidadanía galega e para o seu empresariado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *