Rematado o estado de alarma, comezado o estado da “liberdade”

Dende a promulgación daquel Real Decreto 463/2020 do 14 de marzo, polo que se declarou o primeiro estado de alarma para xestionar a crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, pasaron como sabemos moitas secuencias, moitas prórrogas, “curvas” e “picos”.

Este domingo 9 de maio rematou a última prórroga deste excepcional estado, e con el remata o paraugas xurídico para seguir aplicando determinadas restricións horarias e de mobilidade das persoas.

En paralelo á chegada da fin destas medidas excepcionais, corren estes días ríos de tinta e voces críticas dende diferentes gobernos autonómicos e, como non esperabamos menos, dende a Xunta de Galicia.

Dende a nosa Xunta, o Sr. Feijoo leva máis dun ano utilizando dun xeito perverso o magnífico escenario que lle proporciona o seu posto de Presidente xestionando a “guerra” contra dous adversarios. No ámbito sanitario a Covid-19, onde soubo xestionar moi ben a posta en escena e o discurso, con algún que outro acerto de medidas no medio doutros tantos erros; e o segundo adversario, neste caso no ámbito político, o Goberno central de Pedro e Pablo.

Agora que chegamos á fin do estado de alarma, acábaselle a Feijoo un recurso moi útil que veu utilizando segundo lle interesou para descargar noutros aquelo que saía mal, e adxudicarse o que saía ben. Unha das manipulacións máis recorrentes de Feijoo foi advertir a todo mundo que non se utilizara a pandemia para criticar á Xunta, ao tempo que el facía política a conta da pandemia día si, día tamén.

Pero o cumio das utilizacións da pandemia para facer política foi en Madrid, na confrontación diaria por parte de Ayuso, mesmo á conta do slogan electoral “comunismo o libertad”, en clara referencia a que se gobernaban os seus rivais sería un goberno comunista e se gobernaba ela liquidaría todas as restricións impoñendo a liberdade total de movementos.

Esta estratexia de Ayuso, cociñada polos asesores electorais do PP, agocha con toda claridade a cara real deste partido, que antepón a economía ás persoas (por moito que digan nas entrevistas o contrario). Por outra banda, o PP está animando á desobediencia civil da poboación, dando a entender que os que promulgan normas para o control de horarios e movementos van en contra da xente. Claro que todo isto pasou en Madrid, xa que en Galicia Feijoo puido gozar dun ambiente político totalmente respectuoso, ao que como dicía antes apelaba para con el, pero non practicaba para con outros.

A alegría que se manifesta estes días dende diferentes atalaias, debería ser máis comedida, pois non estamos exentos dun retroceso, e sobre todo, estamos ante un reto de momento descoñecido con respecto á pandemia, que son as miles de persoas que xa sufriron a enfermidade, pero que seguen a día de hoxe con numerosas secuelas e ante unha curación incerta.

Outro reto que durará moitos anos, serán as diferentes mutacións do virus que entrarán de fóra e con cargas cada vez máis letais, o que obrigará a un control máis rigoroso da migración das persoas.

Outra volta a habilitar máis investimento para investigación, máis apoio económico aos organismos públicos, apoio con medidas fiscais aos privados que están no ámbito da investigación, (este pode estar condicionado a liberalizar patentes); estas e moitas outras medidas son e serán precisas para andar con máis soltura, que non é o mesmo que liberdade, pois a liberdade é a que nos proporciona a democracia, que por sorte xa gañamos unha vez enterrado o sistema ditatorial franquista.

Temos unha necesidade como pobo de dispoñer dun Presidente de Galicia que actúe en calidade de Presidente do País e non como agora, de presidente dunha rexión.

Temos a falla dun goberno galego e galeguista.

Suso Ares

Área de Coordinación Xeral

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *