PROPOSTA PARA REGULACIÓN EFICIENTE DOS PARQUES EÓLICOS DE GALICIA.

No día de hoxe venres 1 de outubro quedou rexistrada no Parlamento Galego a seguinte proposta.

Galicia xa é potencia eólica exportadora de electricidade. O PARTIDO GALEGO considera non aceptable a deriva abalada pola Xunta de infestar Galicia de parques eólicos, outorgando ás empresas promotoras dereitos claves na instalación e deixando polo camiño moitos impactos ambientais e socioeconómicos que van en contra dos intereses dos galegos.

Actualmente a Xunta propón un modelo de goberno do sector eólico de pouca sensibilidade ecolóxica e patrimonial, con medidas que incumpren a normativa europea e non deixa case riqueza na poboación e arcas públicas, sendo de novo, un impulso o despoboamento das aldeas. O rural merece un cambio na dirección actual do sistema enerxético.

Hai que ter en conta o agravante dun marco regulador que ten como obxectivo a colocación do maior número de parques eólicos posibles, sen ter en conta moitos aspectos de xustiza enerxética e sen concederlle ós concellos, ós veciños das aldeas nin ós propietarios dos terreos afectados a capacidade de decisión sobre a posta en marcha deses parques. No mesmo senso, os axentes rurais ficaron sen ter a capacidade de xestionar eles mesmos o recurso do vento a partires de figuras específicas como son os parques eólicos municipais, comunitarios ou cooperativos.

A lexislación eólica galega sufriu diversas modificacións, dende o Decreto 205/1995 ate a máis recente mudanza na Lei 9/2021, deste 25 de febreiro,onde a Xunta flexibiliza, outra vez, a normativa para facilitar a instalación de muíños en todo o solo rústico que non estea protexido. Outorgando de novo,dereitos claves ás empresas promotoras na instalación de parques eólicos, como foi tamén a de solicitar a declaración de utilidade pública dos parques eólicos en proceso administrativo, coa conseguinte posibilidade da expropiación dos terreos afectados.

Compre mencionar que a Xunta favoreceu que un número limitado de promotores tiveran dereitos preferentes sobre as zonas máis produtivas, derivando en autorizacións de explotacións eólicas sen data de caducidade.

O PARTIDO GALEGO defende unha transición enerxética cun regulamento de altas esixencias ambientais e que sirva realmente para fortalecer ós concellos e ó rural, que ata agora nin sequera foron considerados para a toma de decisións sobre a planificación enerxética e territorial como actores que toman parte nun reparto equitativo das cargas e dos beneficios asociados ás novas instalacións enerxéticas.

Medidas que consideramos urxentes e necesarias:

  • Transparencia na información: como contrato tipo a desenvolver polas empresas promotoras de parques eólicos, crear unha Base Pública de información sobre prezos alcanzados na negociación entre as partes que participan na promoción eólica ou tamén recuperar a obriga legal de xustificar os motivos polos que non se chegou a acordos entre propietarios de terreos e promotores eólicos.
  • Aprobar que os impostos con xestión municipal vinculados coa actividade eólica (ICIO, IBI,… ) se configuren cos tipos de gravame nos máximos que permite a normativa vixente.
  • Que as empresas que explotan os parques en Galicia tributen na nosa Comunidade Autónoma.
  • Incremento das rendas locais e rurais para propietarios de terras eólicas e Concellos partindo dun mínimo do >5%.
  • Distancia mínima de un muíño sobre calquera construción (altura do aeroxerador x 10 veces).
  • Recuperación da figura dos parques eólicos singulares na súa vertente de propiedade municipal, aínda que con modificacións normativas relevantes como a non limitación da potencia máxima das centrais.
  • Fomentar parques eólicos comunitarios (Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, Cooperativas, pequenas empresas rurais, propietarios de terreos, etc) para que teñan facilidades para ser promotores de parques eólicos. (Reservarase bolsa de MW anuais).
  • Fomentar o autoconsumo xestionando os fondos Next Generacion nos concellos para executar proxectos eólicos propios, conseguindo un retorno importante no rural.
  • Se a empresa promotora xa ten parques, ten prioridade a repotenciación.
  • O Canon Eólico terá como feito impoñible a potencia instalada do parque eólico e non o número de aeroxeradores.
  • Actualización e ampliación da rede natura, biodiversidade a protexer (humedais, flora, fauna e patrimonio).
  • Todos os parques deben ter concesión con data de caducidade.
  • No relativo á construción e instalación dos parques eólicos: Regulamento con altas esixencias ambientais e responsabilidade civil, fixando protocolos de intercambio de información entre os promotores e os actores locais para que se maximice o impacto económico nos territorios que participan na transición enerxética.
  • Accións municipais que anticipen a demanda de técnicos para parques eólicos e propicien estratexias de formación tamén contribuiría a incrementar os beneficios da poboación local.
  • Todos os proxectos de parques eólicos serán fraccionados atendendo aos territorios actuais dos concellos, para facilitar que os mesmos poidan de forma totalmente rigorosa é autónoma valorar, informar, e se fora o caso paralizar un proxecto en base a cuestións de protección, ou calquera afectación municipal.
  • As cualificacións de Poligonal de seren aprobadas, pasarán a formar parte dos PXOM municipais, e serán os concellos quen teñan a capacidade de xestión, modificación e concesión de licencias no seu ámbito.
  • Os novos modelos de aeroxeradores deberán ter as aspas internas evitando deste xeito todo tipo de afectacións e perigos vinculados ás externas.
Foto de portada: Parque eólico en Monte Faro, en Rodeiro. Foto Sangiao