Onde vai o PSOE?

Onde vai o PSOE ?

O tópico das dúas almas do PSOE ten unha evidente raigame histórica. A división do partido en tres correntes (institucionalista de Besteiro, reformista de Prieto e revolucionaria de Largo Caballero) motivou a falla dunha actuación unitaria tanto antes da guerra civil como despois dela, ficando na irrelevancia até a potentísima aposta da Internacional Socialista á facción de Felipe González (1972-1977).

Hoxendía a división do PSOE en dúas correntes con poucos nexos en común é evidente. Esta división atende a cuestións territoriais. Na Andalucía, Castela-A Mancha e Extremadura mantén o ferreño discurso da España uninacional (velaí a transferencia parcial de voto socialista na Andalucía a prol do PP o 19-.X), mentres que na Galicia, Euskadi, Navarra, as Illes ou o País Valencià as bases e cadros socialistas son máis comprensivos coa plurinacionalidade. Mais esta divisoria refírese tamén á actitude política diante das liberdades ou as decisións sobre que sectores sociais han pagar as crises.

Adóitase dicir que Pedro Sánchez pertence á alma progresista e aberta do PSOE, mais a meirande parte da súa xestión no Goberno do Estado desminte esta teoría. O PSOE vota canda o PP para garantir os privilexios do duopolio televisivo (Atresmedia e Mediaset) e canda o PP, Cs e Vox contra o uso do galego no Congreso ou contra as investigacións da espionaxe ilegal do CNI a cidadáns cataláns e vascos e da conduta do anterior xefe do Estado. Mentres, o PSOE conxela sine die a derrogación da lei mordaza e dos delictos de sedición e inxurias e calunias ao xefe do Estado (descoñecidos nos sistemas xurídicos europeos) e o diálogo no que inxenuamente acreditaron os soberanistas de ERC, mantendo na súa integridade as solucións represivas de Rajoy fronte a Catalunya.

Velaí que o PSOE teña un gravísimo problema a respecto, non só das vindeiras eleccións estatais (onde millóns poden transitar cara á abstención), senón mesmo cara ao futuro. E para resolver ese problema haberían adoptar unha decisión fundamental: se queren perpetuar para sempre o bipartidismo dinástico no contexto da Monarquía e do dominio real do deep state ou queren construír unha ferramenta útil de transformación tranquila para as clases medias e traballadoras, dende os parámetros da socialdemocracia e da pluralidade territorial. Non podes repenicar a campá se estás na misa.

Na Galicia esta divisoria agrávase co práctico esgazamento do PSdeG en dous sectores irreconciliábeis, que amosan nula capacidade de integración recíproca, ademáis da evidente falla dun proxecto para Galicia.

Neste contexto, só a vocación municipalista do PSdeG sería quen de facerlle safar nalgúns concellos na proba de lume das locais de maio de 2023.

Xoán Antón P. Lema

(Avogado)

 

 

 

1 thought on “Onde vai o PSOE?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *