O AVE de Galicia a Madrid

O AVE de Galicia a Madrid

Somos galegos e ao igual que o resto de persoas que viven neste planeta temos o dereito de enfocar a realidade dende a nosa óptica, o que non obvia a realidade do conxunto.

As conexións ferroviarias de Galicia co resto da península serían acaídas para un guión dramático, salpicado de “thriller” e ciencia ficción que onte tivo a súa premier e unha posta en escea acorde ao esperpento máis absoluto.

Non hai moito tempo unha señora xuíza empregou a expresión “Galicia profunda” para expresar a falta de posibilidades de desenrolo persoal e profesional das persoas que aquí vivimos. Isto, non deixa de ser unha sombra chinesca dunha realidade esteriotipada por un centralismo incapaz de ver a concepción do seu propio estado como unha suma de elementos culturais, económicos e medioambientais, senón máis ben como unha redución ao absurdo, onde por propia arrogancia se presupón que todo o que está fóra das súas fronteiras, xa non como comunidade autónoma, senón como cidade, é, por defecto, máis subdesenvolta que ela mesma, porque se isto non fose así, a propia supervivencia dos seus cidadáns, nunha das cidades máis inóspitas de Europa sería un exercicio de resiliencia, no canto dun feito aspiracional.

Xa máis adiante tivemos a grande sorte de contar no noso País coa presenza dos membros dun programa televisivo, onde non só procuraban parecer paveros coa imitación do acento que temos os galegos cando falamos en lingua castelán, non na nosa, senón que namentres, facían unha pseudo campaña de mercadotecnia con “product placement”, cun “product” alóctono ou foráneo, a saber, canadiano ou escocés e cheo de ovas. O que xa non só denota descoñecemento e desprezo cara os documentalistas do programa, supoñendo que os haxa, senón que é unha práctica que vai contra o propio respecto pola supervivencia dos lumbrigantes como especia, procedan de onde procedan.

E onte mesmo, seguindo con este docudrama de ficción ou docufiction a ministra de transportes, a señora Raquel Sánchez, ten a ben, “vendernos”, o que hai décadas que deberíamos ter tido por dereito, se esta España da que formamos parte, fose, o que din que é. E non só nos “vende”, nun acto caritativo e merecedor a todas luces dunha xenuflexión do pobo galego, que o susodito tren, nos vai “sacar”, do que un dos máis grandes literatos que deu Galicia, Ramón María del Valle-Inclán (pese ao seu desenvolvemento) empregou como metáfora da nosa situación xeográfica e entorno climatolóxico (non menos brumosa por certo que a meseta ou que os vales dos grandes ríos peninsulares), do obstracismos histórico no que vivimos, e por ende, novamente do atraso continúo e perpetuo ao que o azar nos aboca.

Quizais, o problema non estribe no azar, quizais o problema estea na xestión que dende quen nin coñece nin quere coñecer este País se toman as principais decisións que si afectan directamente, non só aos que aquí residimos, senón, para mal, aos que residen noutros puntos de España e tamén se ben prexudicados por ter mal xestionadas e mal gobernados os territorios e nacións que hoxe en día conforman o estado. O menoscabo e desprezo no trato de quen se cre superior só denota envexa, descoñecemento e baixeza moral, nun mundo no que a busca da igualdade non debería de ser un fin en si mesmo, senón un camiño no que diminuír as brechas sociais existentes e garantir unha maior prosperidade para os nosos fillos.

Dende o Partido Galego non imos pisar á lama onde se sitúa na actualidade boa parte da política española (debedora de zocos e madreñas), pero si imos defender, firme e solidamente o dereito de todos os galegos e galegas a rexer o futuro do noso País, o desenvolvemento académico e cultural dos seus cidadáns, a aposta firme e decidida polo súa industria, o seu comercio e o seus sectores produtivos e todo iso co maior respecto e defensa da súa riqueza paisaxística e medioambiental.

Agardamos pois, un cambio nos modos e nas formas, unha maior altura de miras e riqueza intelectual de quen queira omitir xuízos de valor sobre o noso País ou sobre calquera outra nacionalidade ou territorio de estado, posto que no respecto mutuo radica a riqueza das nacións.

Instamos á Xunta de Galicia a facer valer o dereito que temos, de ter comunicacións ferroviarias non só con Madrid, senón a vertebración dunha rede atlántica que permita ao noso país medrar económica e socialmente coa vista no veciño Portugal e nunha Europa á que levamos unidos durante séculos polos camiños xacobeos, pero coa que unha administración centralista e miope non nos facilita interactuar. Así mesmo, denunciamos que a árbore chamada AVE non nos está a deixar ver o bosque composto por unha deficiente e precaria rede ferroviaria de país, máis socavada incluso agora pola presenza deste pseudo tren de alta velocidade. Feito, xa denunciado por diversos colectivos dun tempo a esta parte.

Por último, non queremos deixar no esquecemento a todas as vítimas do accidente do Alvia de 2013, feito que marcou a familiares, amigos e a todo un pobo que sempre os manterá na súa memoria e demandará que se faga xustiza, hoxe, mañá ou dentro de cen anos.

Comunicado do PARTIDO GALEGO (Comisión Permanente)

                                                  En Santiago de Compostela, a 21 de decembro, de 2021