O abandono do medio rural

Galicia conta con 313 concellos, 3.771 parroquias e 27.312 núcleos de poboación ou aldeas, das cales destas últimas xa foron abandonadas máis de 2.000.

As 7 grandes cidades de Galicia; Vigo, Coruña, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Ferrol; contan cunha poboación que vai desde os 67.569 habitantes de Ferrol ata os 292.986 de Vigo, logo teríamos uns 15 concellos cunha poboación media nos que a súa poboación oscila entre os 20.000 e 40.000 habitantes. Se sumamos a poboación destas 7 cidades teríamos un total de 987.412 habitantes o que supoñería un 36,54% do total da poboación galega.

Agora a pregunta é, por que estas 7 cidades contan cunha densidade de poboación tan alta? Para dar resposta a esta pregunta imos facer unha breve análise da nosa historia.

Ao longo dos tempos a economía e determinadas situacións históricas marcaron o porvir dos pobos comezando polo pobo galaico.

Coa chegada dos Celtas ao noroeste peninsular e coa súa convivencia cos Oestrimnios nacerá a cultura castrexa. Os castrexos habitaban a Galicia actual, unha parte do oeste de Asturias e Castela e León e o norte de Portugal. A estes habitantes denominarémolos Galaicos.

Os Galaicos residían nos castros que eran unhas pequenas agrupacións de vivendas xeralmente fortificadas e estratexicamente ben situadas para defenderse de invasións bárbaras. Os castrexos vivían de forma colectiva. Coa chegada dos romanos en busca de ouro e ferro a estas terras e coa conquista e romanización do pobo galaico, os seus habitantes foron abandonando esta forma de vida (debido entre outros factores aos asedios de castros, a introdución de novos aparellos de labranza, a saturación de poboación…) e adaptándose a civilización romana. Así pois esta saída dos castros dou lugar a formación de pequenas aldeas que logo se organizarían en parroquias.

Coa chegada dos Suevos a Galicia e con un Imperio Romano xa debilitado e unha sociedade máis ou menos romanizada os suevos crearon un novo sistema de organización do territorio, a parroquia. O éxito deste sistema chegou ata os nosos días. A parroquia facía posible vivir do cultivo da terra e dos recursos do medio natural.

Co paso dos anos e coa comercialización dos excedentes agrarios nos mercados, fóronse levantando as principais cidades galegas nas que habitaban comerciantes, mestres artesáns, aprendices e demais, xa que dispoñían de tempo para realizar outras actividades, ao non ter que traballar a terra para satisfacer as súas necesidades básicas, dándose unhas circunstancias favorables para o aumento da poboación.

Estas circunstancias favoreceron a creación dunha nova clase social acomodada, a burguesía que contaría con un alto nivel económico.

Co afianzamento deste novo réxime económico xurdirían os primeiros bancos que canalizarían os aforros da poboación e concederán liquidez as novas empresas a cambio de intereses.

Así a principios do século XX Vigo (por poñer un exemplo) era unha urbe en plena expansión demográfica debido ao seu dinamismo económico grazas ao seu porto (estaleiros, empresas conserveiras, etc.). Os campesiños que proviñan do rural converteríanse en obreiros da industria vivindo en barrios da periferia e aumentando o tamaño da poboación.

Hoxe en día a poboación segue abandonando o medio rural debido a diversos factores, entre eles a escasa protección que lle da o goberno, a falta de servizos básicos (bancos, médicos, escolas) e o máis importante a falta de oportunidades laborais para a poboación altamente cualificada que posúe este país. Para a globalización a parroquia non é máis que un atranco que so produce custos e ningún beneficio e por iso tende a desaparecer.

Non obstante a parroquia segue sendo o asentamento maioritario de Galicia e conforma o noso ser colectivo. Ademais demostrou ser un lugar de refuxio ante unha situación pandémica como a actual, evitando a propagación masiva do Coronavirus, sendo Galicia unha das comunidades menos afectadas. Se deixamos que desaparezan as aldeas van esmorecer formas seculares de entender a vida perdendo un patrimonio etnográfico e paisaxístico que levou séculos formar.

Se queremos preservar o noso carácter como pobo precisamos dunha forza política que mire por nos, resolva os nosos problemas e nos garanta unha realidade que se pode cumprir, por iso precisamos un partido, o Partido Galego.

Moisés Domínguez Rodríguez

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *