Francia aposta polo centro político

FRANCIA APOSTA POR CONTINUAR CUN PRESIDENTE DE CENTRO LIBERAL 5 ANOS MÁIS

As eleccións presidencialistas celebradas o domingo 24 de abril en Francia, cun sistema electoral de segunda volta, ben diferente ao noso, propiciaron a concentración do voto en dous aspirantes bastante antagónicos á presidencia francesa, pasando Emmanuel Macron do 27,85% da primeira volta ao 58,54% da segunda, e Le Pen do 23,15% ao 41,46%.

 

Unha vez máis a maioría da poboación decantouse polo candidato moderado e que proporciona máis estabilidade política fronte á segunda opción, que se cualifica de extrema dereita, Esta última formación cambiou en grande parte o discurso e liñas de actuación con respecto a campaña do 2017 no camiño da moderación cara ao centro, precisamente para seducir a millóns de novos votantes e así chegar a disputar a presidencia.

 

Os partidos tradicionais SOC (equivalente ao PSOE) con 29 deputados e LR (equivalente ao PP) con 113 deputados, víronse superados no 2017 por LREM (A República en Marcha) de Macron con 310 deputados nunha cámara de 577. A estratexia electoral usada en Francia na construción dun partido de centro liberal e liderado por Macron, supuxo dous grandes fitos; achicar aos partidos tradicionais e cortarlle o paso á extrema dereita de Le Pen que estaba xa pisando moi forte.

 

¿Que lectura nos pode suscitar a composición representativa do Parlamento francés e o resultado presidencialista deste domingo de cara a situación no marco do Estado español ou á influencia que poida ter no escenario electoral de Galicia?

 

Os prognósticos sobre o “contaxio” electoral dun país sobre o seu veciño, coma neste caso, non sempre se cumpren, pero si poden marcar tendencia ou certa influencia. A situación de clima prebélico no marco europeo propiciado pola guerra de Rusia en Ucraína, as consecuencias económicas visibles, a xeopolítica derivada noutros ámbitos coma no norte de África, os grupos populistas que se alimentan dos sectores descontentos e as crises coma as anunciadas, conforman no seu conxunto un cóctel as veces de dubidoso e perigoso resultado na intención de voto dun amplo sector da sociedade e que sen dúbida tivo unha alta incidencia nestas eleccións de Francia.

 

Centrando a atención no que realmente nos preocupa que é a situación de España e máis en concreto de Galicia, cómpre salientar que a nivel español tanto o PP como o PSOE están deixando a dialéctica predominante de dereita-esquerda por conceptos máis transversais como dereita reformista por parte duns e progresismo ou socialdemocracia por parte dos outros. Na medida na que nos acheguemos ás municipais pisarán o acelerador anunciando que todos están case no centro, uns no centro dereita e outros no centro esquerda, buscando obviamente ao electorado moderado (que é a maioría da sociedade) e usando a estratexia de alimentar a polarización que tantos réditos lles dou ao pp-psoe..

 

En Galicia xa nos teñen acostumados dende o PP a cantar as bondades do galeguismo que din representar, no PSOE ao galeguismo e ao federalismo, incluso outros con perfil Podemos (ou sucedáneos) virán a lembrar que sempre foron representantes de Galicia mesmo en Madrid. Pero as citas electorais das autonomías de Castela-León e a xa anunciada para xuño en Andalucía, están trastornando as estratexias “clásicas” de reconcentración de voto, pasando a buscar argumentos coma no caso do PP, para xustificar o casamento con Vox.

 

O “cordón democrático” que se lle practica á extrema dereita en Europa (Francia, Alemaña…) de nada está servindo aquí para que o PP se desvincule da extrema dereita. Entón so cabe pensar o que parece xa ser a todas luces, o PP de España pode equipararse á Le Pen de Francia e Vox a Eric Zemmour da formación política Reconquista.

 

Dende o punto de vista do noso País, o desexable é que demostraramos ser unha “illa política”, é dicir que en Galicia non cheguen a ter representación os extremismos, chámense Vox ou de calquera índole. Para iso, só cabe conseguir un alto nivel de cultura política na sociedade para que o electorado esixa aos partidos valores éticos, compromisos por escrito, vocación de servizo público, coherencia absoluta, corrupción cero e transparencia total para todos os ámbitos de xestión política.

 

Galicia necesita a política da moderación que represente todas estas calidades, necesita o Partido Galego

Suso Ares (Coordinación Xeral do PG)

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *