En defensa da sanidade pública

Este domingo quedou clara a convicción de gran parte da cidadanía, do dano que se lle está a inflixir a nosa Sanidade Pública, situación que sen dúbida, é merecente dun artigo que pretende afondar un anaco, tanto nas causas do problema como en algunhas posibles solucións.

É evidente, e así o pode constatar quen percorra o noso país como o están a facer as persoas que formamos parte do Partido Galego, o envellecemento da poboación galega, cada vez máis soa e distanciada dos núcleos familiares tradicionais. A esa vellez, engadimos a tristura e o forte impacto emocional e físico, dunha auténtica soidade nesta Galicia baleirada.

Cunha veciñanza espallada e as veces lonxe de núcleos de poboación, non é doado que se poidan manter centros de saúde en cada concello, máis, igual que se subvencionan determinadas entidades sen un ben social na contorna, ou infraestruturas faraónicas sen función real, ou proxectos sen retorno económico, deben custearse especialistas e persoal sanitario preto dos que máis os precisan, que son xustamente os nosos maiores.

As posibilidades de que esta situación poida reverterse, pasaría nunha primeira fase, pola xeración de postos de traballo aos novos que queiran retornar ao rural, pero isto non está a suceder, nin tan sequera nas cidades. E se xa e difícil para un maior só, achegarse a un centro de saúde, ou a unha embarazada acudir a una simple revisión xinecolóxica, peor será facelo por estradas que se enchen de fochancas en canto empezan as chuvias, o que fai que nos preguntemos con moita retranca, quén está a gañar diñeiro coas obras públicas.

Cómo sumar os dereitos inalienables da nosa xente, coa realidade do país, será un reto que haberá que acometer dende diferentes frontes, pero pasa necesariamente por una xestión eficaz e transparente dos recursos públicos dedicados a saúde dos galegos, xa que en tempos de crise, fan falla bos xestores con criterios sanitarios máis que criterios de interese (comisión-económica) do partido que goberne.

O diñeiro público contemplado nos orzamentos para a Sanidade, é o diñeiro de todos, e da súa administración impecable e eficiente, dependen moitas vidas. Tanto as contratacións, como as concesión públicas, como incluso o nomeamento dos xerentes, non poden ter en conta cores políticos ou apelidos, se non o mérito e capacidade.

Esta non é unha cuestión de aforro simplemente, se non da xestión adecuada do público. A nosa sanidade non se pode manter con recortes de persoal, baixas non cubertas, contratos precarios, (moitas veces por horas) en en xeral, un empobrecemento de medios e servizos, con incremento do tempo de espera para todo, dende unha cita en atención primaria, ao acceso a probas médicas vitais ou tratamentos urxentes. Hai que pensar tamén, que o envellecemento do que falábamos afecta tamén aos nosos sanitarios, de xeito que teñen que ser os novos, os que comecen a súa andadura profesional no público coa convocatoria e dotación periódica de prazas no SERGAS.

Por último, sinalar que na manifestación multitudinaria, había moitas mulleres e homes do Partido Galego, pero concorremos cunha sinxela chapiña nas solapas coas nosas siglas: PG. Tíñamos que ter ido coa nosa bandeira? Entendemos que non:

Porque esta defensa de Sanidade Pública é una cuestión de País e atínxenos a todos. Nin queremos facer dela un simple recurso electoral, nin imos esquecer este problema unha vez terminadas as manifestacións. Para nós, foi suficiente a presenza institucional da Asociación “SOS Sanidade Pública”, e a bandeira que debe erguerse cando hai que solucionar un problema de País: a bandeira galega.

13-02-2023

Executiva Nacional do Partido Galego