Entrevista de “La Región” a Xosé Mosquera (Presidencia do PG)

Entrevista realizada por Pablo Galán

 

Xosé Mosquera preside a nova formación política Partido

Galego

Apenas unha semana despois de cumprir 64 anos, Xosé Mosquera

Casero sitúase como cabeza visible dunha nova formación política,

Partido Galego. Presentouse este sábado en Melide e busca

converterse en referente do galeguismo, logrando que calle dunha

vez por todas un proxecto transversal co país no centro das súas

propostas. Mosquera asume con moita ilusión esta nova andadura

tras a súa precipitada saída en 2018 de Compromiso por Galicia, ó

non compartir o liderado do seu último secretario xeral, que levou o

partido á irrelevancia.

Viña de lonxe a idea?

Si, había unha idea de retomar un proxecto de vocación para a

sociedade galega.

Será difícil despegarse da imaxe de Compromiso por Galicia?

Non poñemos especial fincapé niso. En realidade hai unha

coincidencia no color, que é verde, pero tamén é certo que era ou o

azul do ceo ou o verde.

Pero moitos saíron escaldados de CxG.

Evidentemente, estes últimos anos foron de deriva, naufraxio, un

camiño cara ningures.

Que liñas mestras terá o Partido Galego?

No nacemento de Compromiso había unha herdanza previa que

nos situaba na socialdemocracia. O debate que aquí tivemos é que

este proxecto contará con socialdemócratas, demócrata-cristianos,

liberais. Desde o punto de vista do espazo ideolóxico aspiramos a

que calquera galego que queira a que o seu país teña

representación e faga valer os seus dereitos poida estar sen

problemas. Temos apertura e cintura para acoller á maioría da

sociedade galega.

Un vello anhelo, porque semella unha quimera consolidarse neste

espectro.

Evidentemente, de entrada é como unha cuña que se mete nese

espazo, esperemos que sexa de ferro e faga camiño. Pero en parte

teno ocupado o PP porque non se construíu ese espazo

axeitadamente salvo nun momento puntual como foi o de Coalición

Galega. Queremos que a xente entenda que este proxecto non ten

nada de excluínte.

É un bo momento para forxar o proxecto, dado que non hai

eleccións á vista?

O obxectivo é claro e temos tempo para maduralo. Temos unas

siglas pero non quere dicir que sexa a definitiva, a harmonía ou a

consecuencia pódete levar a buscar fórmulas máis integradoras.

Non se pechan a nada?

Non. O máis importante se queres construír para a maioría é partir

dun principio aberto e non excluínte. Que os matices que cada un

queira atopar se poidan ter en conta. Estamos falando con distintas

candidaturas de todas as provincias, hai disposición para darlle un

corpo potente para as eleccións que veñan.

A intención é concorrer a todos os niveis?

Por suposto. O obxectivo fundamental é capitalizar a representación

de Galicia e negociar con quen teña o Goberno para conseguir os

mellores réditos para o noso país.

En Ourense teñen máis forza?

Máis ou menos estamos igual en todas as provincias. A idea é darlle

un impulso forte aquí porque hai moitas persoas coas que estou en

contacto para darlle continuidade ó seu traballo, como os grupos de

Compromiso de Barbadás, Maceda, Avión pero tamén se falou con

candidaturas que hoxe son goberno en concellos.

A nivel persoal, está máis motivado despois do complicado final en

CxG?

É un estímulo para seguir aportando o que me quede de folgos para

que un proxecto que entendín que se fixo ben nos anos 30 do século

pasado consiga agromar de novo no século XXI.

https://www.laregion.es/articulo/ourense/xose-mosquera-temos-apertura-cintura-acoller-maioria-galegos/20201212221035991785.html