Educar para un ambiente pleno (5x. Día do Medio Ambiente)

EDUCAR PARA UN AMBIENTE PLENO

Todas as persoas teñen o dereito a desfrutar dun medio ambiente axeitado para o seu desenvolvemento, así como o deber de conservalo… Antóllase complicada a tarefa cando vivimos nunha total desconexión emocional coa contorna!

O que non se coñece non se valora, non se ama, polo que tampouco se protexe nin conserva… Resulta sinxelo entender porque ano tras ano aumentan os hábitats destruídos, se reducen os recursos naturais dispoñibles e a contaminación dos principais soportes da vida non cesa.

Non cabe dúbida que vivimos nunha subsociedade allea ás dinámicas da biosfera, allea ás súas interrelacións e sendo o ser vivo cunha inadaptación natural máis clara, por iso levamos séculos adaptando o medio ambiente para que el se adapte a nós; logo de milenios de evolución e coñecemento parece que aínda non aprendemos que sen un medio ambiente pleno non pode darse un desenvolvemento humano pleno.

Neste senso faise cada vez máis necesario que desaprendamos o camiño iniciado coa Revolución Industrial e reeduquemos ás nosas sociedades vencellándoas co ambiente que as acolle, que as nutre e que as protexe, amosando dende o vivencial que outros xeitos de facer sociedade, cultura ou economía é posible, un novo xeito de relación que redunde nun desenvolvemento humano máis san, responsable e sustentable.

A estas alturas do conto xa recibimos os estímulos suficientes para comprender que a nosa relación co ambiente debe trocar e, dado que somos o único ser vivo coa capacidade de construír e socializar a aprendizaxe, vai sendo hora que tanto na educación informal e non formal pero sobre todo na educación formal, o medio ambiente ocupe o lugar apical que lexitimamente lle corresponde, xa que é lexítimo que as persoas gocemos dun desenvolvemento pleno nun medio ambiente pleno.

    

Rubén Villasenín da Secretaría de Medio Ambiente do PG

Educador ambiental e social. Presidente da Asociación medioambiental Amabul e xerente de Patrimonia da natura para as persoas. Premio autonómico e nacional na familia de servizos socioculturais e á comunidade e na familia de educación e control ambiental. Graduado en educación social pola universidade nacional de educación a distancia con máis de 15 anos de experiencia en programas de acción, capacitación e divulgación ambiental.