NESTE xeira do debate da nación, PPdG e PSdeG aprobaron no noso Parlamento unha proposta contra o dereito a decidir de Galicia, pois que “o futuro colectivo da nación española corresponde a todos os españois”. Cómpre respectarmos esta proposta, porque defender Galicia como parte inseparábel da indivisíbel España é absolutamente lexítimo.
Velaí que o aprobado este día polo Parlamento amose o peor dos dependentismos amosado nunca pola nosa Cámara ao longo dos seus case 40 anos de vida. Porque a proposta aprobada non defende a unidade do Estado no contexto da Constitución de 1978. Non. O aprobado é moito máis grave, porque demite dos dereitos históricos´de autogoberno recoñecidos á Galicia ao abeiro do artigo 2 en relación coa Disposición Transitoria Segunda da Constitución que, incorporados ao Estatuto, esixen que calquera modificación do marco xurídico-político galego sexa aprobada polos representantes parlamentarios do Estado e de Galicia de xeito bilateral e paccionado.
O Parlamento de Galicia ven de recoñecer que o Estado español poida decidir el só a respecto do noso futuro político, sen nos consultar ao respecto. Esta decisión conecta coa recentralización adoptada a medio da mutación constitucional material levada adiante estes anos polo Tribunal Constitucional, desnaturalizando as fórmulas bilaterais da Constitución de 1978 e do Estatuto de 1981 e deixa á intemperie ao noso País.
Confunden o cú coas catro témporas o PPdeG e o PS de G? Queren negar o dereito ao autogoberno galego? Ou queren definir xa de vez o Estatuto como simple carta outorgada e ao autogoberno como concesión española?
Xoán Antón Pérez Lema