A saúde mental

A saúde mental.

A saúde física e a saúde mental forman parte do noso estado de benestar persoal, e tanto unha coma outra é necesaria para poder gozar dunha vida plena e feliz.

A medida que a sociedade vai evolucionando parece máis difícil gozar dunha boa saúde mental. Enfermidades como a depresión son cada vez máis frecuentes entre a nosa poboación e a gravidade destas enfermidades non é menor, xa que poden chegar ao punto de poder acabar coa vida dunha persoa.

Segundo os datos do INE tanto en España como en Galicia fóronse incrementando o número de suicidios nestes últimos 20 anos. O suicidio é a primeira causa de morte non natural en España, duplicando as mortes por accidentes de tráfico. Galicia é unha das comunidades autónomas de España que conta cunha maior taxa de suicidio por habitante. No ano 2017 Galicia tivo unha taxa de suicidios de 11,93 por cada 100.000 habitantes, e dicir de cada 100.000 habitantes 12 morren por suicidio. Foi a segunda comunidade cunha maior taxa de suicidios, so por detrás de Asturias cun 12,94.

A cuestión é; É unha coincidencia que Galicia e Asturias sexan as comunidades cunha maior taxa de suicidios? Por que aumentou o número de suicidios? Que estamos facendo mal como sociedade?

Tanto Galicia como Asturias son dúas comunidades que contan cunha poboación moi envellecida debido a baixa taxa de natalidade e ao elevado número de movementos migratorios por parte da poboación máis moza cara outras comunidades con máis oportunidades laborais. Galicia conta cunha poboación rural moi elevada, o que fai que a poboación viva moi dispersa e soa, ademais tanto Asturias como Galicia contan cun clima chuvioso. Todos estes factores poden favorecer enfermidades como a depresión.

Pero o feito de acabar coa vida pode ser provocado por diversos factores en función de cada persoa, e este é un problema que afecta a todo o estado. Fago miñas as palabras do meu amigo e compañeiro Suso Ares que destaca, entre outros factores, a decadencia de valores, a falta de obxectivos, a contaminación das redes sociais ou o a falla de orgullo do propio como causantes dun caldo de cultivo que pode levar ao desequilibrio mental.

A isto sumámoslle factores como a soidade, a tristeza, a falta de amor, unha situación económica desfavorable, a falta de introspección ou a frustración por vivir nun mundo demasiado competitivo cun concepto de éxito equivocado e non facemos máis que sumar cargas mentais para minguar o noso estado de ánimo.

Vivimos nunha sociedade convulsa que moitas veces non amosa ningunha empatía sobre quen ten ou padece algún problema, e tiña que ser responsabilidade de todos axudar a un veciño ou un compañeiro cando sabemos que non está pasando por un bo momento.

Aínda que estamos avanzando en política social, como é exemplo o teléfono contra o suicidio, isto non é suficiente, por iso é necesario tomar decisións políticas, como poñer a disposición da cidadanía máis psicólogos, fomentar a convivencia veciñal ou concienciar a poboación máis moza nas escolas do valor da vida e de que sempre hai motivos polos que loitar e seguir vivindo.

           

Moisés Domínguez Rodríguez