A Galicia baleira é agora a Galicia queimada

A Galicia baleira é agora a Galicia queimada…

 

Igual, tratábase diso precisamente, posiblemente sempre se tratou diso. De que non houbera xentes que protesten, que molesten, que defendan o seu sustento, a súa vivenda e o seu pobo.

 

Posiblemente o interesante para quen pensa “ao grande”, dende fóra de Galicia pero coa conivencia e axuda dos “colaboracionistas” é que Galicia sexa iso, no que mudou nas últimas décadas, unha leira onde arrapañar con todo sen importar o mañá, só o presente, e onde a depredación medioambiental se converteu na principal baza económica para quen non sabe, non quere, ou non ten interese en xerar riqueza doutro xeito. Mágoa, todo se acaba, igual o problema é aínda superior, un ser humano finito, curtoplacista, nunha terra infinita na súa escala temporal.

Agora, barra libre, barra libre para ampliar as plantacións de eucalipto (o cumprimento da moratoria na súa plantación é un insulto á intelixencia e unha broma de mal gusto), barra libre para o subministro de materia prima low cost para o proxecto tractor da Xunta e a súa Viscosa (o nome vaille ao pelo), barra libre para mil parque eólicos máis, barra libre para xerar riqueza para uns cantos, para logo, poder pagarse unhas vacacións en territorios onde outros coma eles non foron quen de poñer as súas garras.

 

O absurdo, o horror, o kafkianismo do imbécil, do ferido, do duro do que non ve máis alá , do que dá leccións e non é mestre, do que viste ben, fala ben pero é un paleto, do que nos condena a todos a non recoñecer o país onde nacemos e onde ao igual que ao boi ao que se lle pon o anel de novo para facilitar o seu manexo a nós se nos pon o carto fácil diante, no canto de xestionar dilixentemente o que nós aportamos co noso traballo.

 

Lumes non, axuda as vítimas, repoboación con especies autóctonas, maior vixilancia, maiores facilidades a gandeiros, posta en valor do produto premium, do turismo responsable, do produto ecolóxico, do traballo artesá, do que xera e aporta valor, nunha palabra, apostar dunha vez polo senso común. Malísmos políticos aqueles que son malos ata para con eles mesmos.

Asdo.:

Amigo do Noso

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *