20 anos despois do Prestige, Galicia sigue sen prestixio

O Partido Galego (PG) rende homenaxe a todo o voluntariado e a toda a Galicia consciente, que no ano 2002 traballou a reo para librarnos do manto de chapapote (a morte) que ameazou a vida mariña e costeira de todo País.

20 anos despois do Prestige, Galicia sigue sen prestixio suficiente, para afrontar se fora o caso outro desastre desta magnitude.

Historia de dous meses negros

O 13 de novembro de 2002 despois dun periplo de burradas e decisións erradas que se tomaron por parte das autoridades competentes, o Prestige afundíase en augas de Galicia, a 250 Km fronte as nosas costas, ocasionando un verquido de chapapote que provocou a maior catástrofe ecolóxica de Galicia, de España e da historia da navegación.

O verquido da súa carga foi de  77.000 toneladas de chapapote pesado que acabaron por contaminar a costa galega, a primeira marea negra chegou ás praias de Fisterra e Touriñan, pero afectou finalmente a 600 Km de costa e 136 praias, e abarcou dende o norte de Portugal ata as Landas francesas.

O accidente foi considerado o mais custoso da historia, 12.000 millóns de dólares segundo algunhas fontes.

Hoxe en día a popa atópase a 3.545 m de profundidade e a proa a 3.820 m, separadas por unha distancia de 3,5 Km.

No ano 2004 extraéronse 14.000 toneladas de chapapote, quedando pegadas ao pecio aínda 700 toneladas na popa e entre 300 e 400 na proa, imposibles de sacar.

Os mariscadores e pescadores das confrarías de Pontevedra foron as primeiras en organizarse para loitar contra a catástrofe.

Días despois 6.000 toneladas de chapapote chegan a ría de Corcubión, e outras manchas de chapapote avanzaron cara a  Fisterra, A Coruña e Ferrol. E así ata chegar a toda a costa e rías galegas.

A recollida de chapapote nas costas foi de 24.600 toneladas, das cales 19.600 foron en Galicia.

O 1 de decembro tivo lugar unha manifestación en Santiago de 200.000 persoas, baixo o lema “Nunca Máis”, convocada por unha plataforma cidadá co mesmo nome na que participamos activamente moita xente que agora forma parte do PG.

Na ponte do 6 ao 8 de decembro unha marea de 20.000 voluntarios chegados de todas as partes de España sumáronse aos mariñeiros, mariscadores e veciños nas tarefas de limpeza do chapapote. Un acto de solidariedade nunca visto ata daquela.

O 14 de decembro o submarino Nautilus comeza a selar as gretas do casco de popa e proa que seguían vertendo chapapote.

Reaccións e consecuencias políticas

O 3 de xaneiro crease un comisionado do goberno para investigar as actuacións do Prestige dirixido por Martín Villa.

Despois de múltiples acusacións entre o capitán da Mariña Mercante, o delegado do goberno Fernández de Mesa, o conselleiro do Mar López Veiga, … remata o “tiro de pedras entre membros do goberno” coa dimisión de Pepe Cuíña o 16 de xaneiro despois de ser acusado de aproveitarse economicamente co Prestige.

O 23 de xaneiro o Consello de Ministros aproba o Plan Galicia cun investimento de 12.459 millóns de euros co obxectivo de favorecer a recuperación medio ambiental  e económica das zonas afectadas.

O 28 de xuño de 2005 Fraga perde as eleccións, sendo o Prestige se non a causa principal, si una delas.

Pasados 20 anos o único que cambiou foi que aumentaron a distancia a que teñen que pasar estes barcos dende a costa e ademais non poden ser monocasco se non dobre casco, como únicas medidas de seguridade.

Hai que ter en conta que hoxe en día incrementáronse notablemente os barcos que navegan fronte ás nosas costas e tamén as toneladas de carga, pasando de 400 millóns de tm no ano 2001 a 950 millóns de tm no ano 2021.

Propostas do PG

O Partido Galego faise  eco de todo isto e reclama que despois de 20 anos tiña que ter cambiado moito máis.

O medio ambiente e a economía de Galicia teñen que ser unha prioridade e o Partido Galego declara que o benestar  de Galicia é a súa prioridade ineludible, polo cal facemos públicas  unha serie de propostas que defenderemos nas institucións.

  • Apostamos polas enerxías renovables e a redución de derivados do petróleo, que mesmo estando en extinción, quedan millóns de toneladas ameazantes sobre todo nos propios transportes.
  • Establecer un corredor atlántico con máis garantías que as actuais e situar a circulación de buques con mercadorías perigosas a distancias de seguridade total.
  • Creación dun corpo de peritos forenses ambientais, que entre outros cometidos elaboren os informes das catástrofes ambientais con total independencia e rigor.
  • Establecer a modernización do control do tráfico marítimo con seguimento por satélite e non só por radar, como segue na actualidade, para poder controlar os “sentinazos” en tempo real xa que se seguen a rexistrar verquidos a cotío frente ás nosas costas e tamén para dispor de maior anticipación ante unha emerxencia marítima
  • Construír un peirao exclusivo na costa galega destinado ás posibles catástrofes ambientais.
  • Crear un peirao flotante no Atlántico de competencia internacional destinado a todo tipo de accidentes, reparacións e drenaxes de buques, que actualmente acaban desviándose aos peiraos na costa, levando consigo no traxecto unha altísima carga contaminante.
  • Propoñemos en base ao noso Estatuto de Autonomía, activar as transferencias para conseguir as competencias en seguridade e salvamento marítimo.